Saltar ao contido principal
Xornal

O secretario xeral da OEI imparte unha conferencias na USC sobre as novas prioridades para a cooperación en educación

Actualizada: 01-04-2019 14:16
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI), Mariano Jabonero, impartirá este martes 2 de abril a conferencia ‘Novas prioridades para a cooperación en educación’, a partir das 17.00 horas na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais.

Garantir unha educación de calidade, inclusiva e equitativa ao longo da vida é unha aspiración clave para a sociedade actual, como porá de manifesto Mariano Jabonero na súa conferencia deste martes. O secretario xeral de OEI relacionará esta reflexión coa realidade que experimenta o espazo iberoamericano, no que conviven democracias consolidadas cunha crecente insatisfacción social, nun momento no que persiste a desigualdade a pesar de que a educación se ten xeralizado. Neste último senso, “o reto agora é lograr a calidade e a inclusión”, ten afirmado Jabonero.

A OEI está considerada a organización de cooperación multilateral en Iberoamérica con maior presenza e actividade da rexión. Así Mariano Jabonero explicará que os eixos principais de actividade desta organización son a primeira infancia, as competencias e habilidades para o século XXI ou a gobernanza da educación, entre outros temas. Dende 1949 esta organización traballa fomentando a cooperación en educación, ciencia e cultura entre os distintos estados membros, actualmente un total de 23 con preto dunha vintena de oficinas rexionais.