Saltar ao contido principal
Xornal

A OEI e a USC abren unha vía de cooperación académica e científica

O reitor compostelán recibiu esta mañá no seu despacho ao secretario xeral da OEI, Mariano Jabonero

Actualizada: 02-04-2019 12:40
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor da USC e o secretario xeral da OEI asinaron un protocolo de colaboración.

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, recibiu esta mañá no seu despacho de San Xerome ao secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI), Mariano Jabonero, de visita en Compostela. Na xuntanza aproveitaron para asinar un protocolo de colaboración académica, que contempla xa a participación da OEI no XVII Congreso Estatal e IX Iberoamericano de Pedagoxía que se desenvolverá o vindeiro ano na USC.

Ambas as dúas institucións comprometéronse a promover e intensificar os intercambios científicos, pedagóxicos e técnicos en todas as áreas relacionadas coa promoción e desenvolvemento da educación, a ciencia e a cultura nos países membros da OEI. Precisamente nesta liña enmarcaba a súa visita Mariano Jabonero, que mostrou o seu interese en establecer unha vía de cooperación coa USC en transferencia de información e xeración de coñecemento “ademais de compartir todo aquelo que teña que ver con conseguir un espazo iberoamericano de coñecemento máis transparente, máis confiable e máis compatible”. O reitor López coincidía nese propósito e poñía énfase na “ importancia do espazo iberoamericano para unha institución como a nosa, con fortes lazos do outro lado do océano”.

Conferencia en Políticas
O secretario xeral da OEI imparte na tarde deste martes 2, ás 17.00 horas en Ciencias Políticas, a conferencia ‘Novas prioridades para a cooperación en educación’, na que manifestará que garantir unha educación de calidade, inclusiva e equitativa ao longo da vida é unha aspiración clave para a sociedade actual.

Jabonero relacionará esta reflexión coa realidade que experimenta o espazo iberoamericano, no que conviven democracias consolidadas cunha crecente insatisfacción social, nun momento no que persiste a desigualdade a pesar de que a educación se ten xeralizado. Neste senso, “o reto agora é lograr a calidade e a inclusión”, ten afirmado.

Sobre a Organización de Estados Iberoamericanos
A Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI) é o primeiro organismo intergubernamental de cooperación do espazo iberoamericano. Desde 1949 traballa fomentando a cooperación nos seus tres campos de actuación. Na actualidade, forman parte da OEI 23 estados membros e conta con 18 oficinas rexionais, ademais da súa Secretaría Xeral en Madrid.


Outras imaxes


Na xuntanza tamén participaron a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, e a directora xeral de Acción Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo.