Saltar ao contido principal
Xornal

BioReDes promove o debate de temas científicos e de impacto social no campus de Lugo co programa ‘Xantares Biocientíficos’

O investigador do Centro de Investigacións Mariñas Antonio Villalba, abre o venres, ás 13.00 horas, este seminario no Cactus cun relatorio sobre patoloxías e moluscos

Actualizada: 03-04-2019 10:14
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Logo da agrupación estratéxica BioReDes do Campus Terra da USC

A agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC Xestión e Produción Sostible de Bio-recursos (BioReDes) promove o debate arredor de temas científicos e de impacto social no campus de Lugo a través do programa ‘Xantares Biocentíficos’, unha iniciativa concibida como espazo regular de iteración acaído para dar visibilidade a cuestións científicas de especial interese polo seu impacto social, económico e ambiental, así como polo seu nivel de innovación.

 

Este seminario de divulgación científica impulsado por BioReDes nace con vocación de periodicidade mensual e presenta unha estrutura dinámica e divulgativa, dado que aspira a converterse dun foro aberto e accesible á cidadanía e, nomeadamente, a investigadores non especialistas na temática. Daquela, as sesións programadas no marco deste ciclo comezarán cun relatorio curto, cunha duración aproximada de 30 minutos, a cargo dun investigador convidado o de calquera membro da agrupación, tralo que se abrirá un debate. O obxecto último desta actividade non é outro que o de construír un espazo informal de análise e intercambio de ideas e coñecementos que sirva de alicerce para futuras colaboracións.

 

O grupo de traballo de divulgación e formación da agrupación estratéxica BioReDes do Campus Terra da USC, un equipo do que forman parte seis profesores e investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, salientan asemade que os encontros promovidos ao abeiro dos ‘Xantares Biocentíficos’ antóllanse como foros acaídos para complementar a formación de investigadores novos e persoas que están a comezar a súa carreira investigadora.

 

O investigador e coordinador da área de Patoloxía do Centro de Investigacións Mariñas, Antonio Villalba, abrirá o venres 5 de abril, a partir das 13.00 horas, no edificio Cactus do campus de Lugo, a quenda de intervencións dos ‘Xantares Biocentíficos’, co relatorio ‘Globalización e patoloxías na produción de moluscos: cancro contaxioso e marteiliosis’.

 

Unha  vez rematada a sesión e o posterior debate arredor da temática abordada, todos os participantes poderán compartir un xantar lixeiro. A participación nas sesións programadas ao abeiro dos ‘Xantares Biocentíficos’, encontros que se desenvolverán previsiblemente o primeiro ou segundo venres de cada mes, son de acceso libre e de balde e están abertas a todas as persoas interesadas, que tamén poden suxerir temas para a análise e o debate.