Saltar ao contido principal
Xornal

Unha xornada do Colexio Oficial de Dietistas e Nutricionistas de Galicia reúne a máis de 70 profesionais na Facultade de Ciencias

Actualizada: 03-04-2019 12:12
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Francisco Fraga e José A. López, na apertur das xornadas

O cambio de hábitos alimentarios, a importancia dos axustes dietéticos en función da composición corporal de cada persoa e cada vez maior aparición de trastornos da conduta alimentaria foron obxecto de análise e debate por parte de diversos especialistas no ámbito da nutrición e a dietética no marco da primeira edición das xornadas monográficas organizadas polo Colexio Oficial de Dietistas e Nutricionistas de Galicia (Codinugal), un foro que congregou a máis de 70 persoas na Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC.

 

As xornadas, organizadas co obxecto dar resposta aos intereses e inquedanzas dos profesionais colexiados, tal e como salientaron p presidente de Codinugal, José A. López, e o decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga, na sesión de apertura, contaron entre os seus relatores cun amplo abano de especialistas e investigadores no eido da nutrición e a alimentación humana, entre os que cómpre sinalar a Toni Sóla, Estefanía Dans, Sheila Castiñeira, Giuseppe Russolillo, Jesús Casabiell, Jose A. López, Adriana Oroz, Estefanía Fernández, Susana Rodríguez, Andrea Sanjuan e Victoria Lozada.

 

Daquela, o programa do foro tamén permitiu abordar temáticas diversas, aínda que sempre ligadas á importancia da dieta alimentaria na saúde e no benestar persoal. Deste xeito, as diferentes sesións versaron sobre cuestións de relevancia asistencial e científica, ao tempo que tamén afondaron sobre as vantaxes e posibles problemáticas derivadas da alimentación vegana e vexetariana.

 

A I Xornada do Codinugal, cuxa celebración non sería posible sen a colaboración da USC e das empresas Daveiga, Central Lechera Asturiana, Prozis, Lidl, Orballo, ou, entre outras, Arzúa-Ulloa, serviu asemade de marco de presentación da Asociación de Dietistas e Nutricionistas de Galicia (Adinu), un colectivo de estudantes que está chamado a tomar o relevo profesional dos dietistas-nutricionistas a medio e curto prazo.


Outras imaxes


Público participante non foro sobre alimentación, nutrición e dieta celebrado na Facultade de Ciencias