Saltar ao contido principal
Xornal

O proxecto MicroMundo-SWI presenta esta tarde os seus resultados

Trátase dunha iniciativa Aprendizaxe-Servizo enmarcada nun proxecto colaborativo a nivel mundial

Actualizada: 03-04-2019 13:23
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

En 2012 nacía na Universidade de Yale Small World Initiative  (SWI) coa fin de achegar a cultura científica e a investigación biomédica a novos estudantes  para fomentar a vocación investigadora. Emprega unha estratexia de ‘crowdsourcing’ dirixida ao descubrimento de novos antibióticos, o que implica a externalización de tarefas que en lugar de ser subcontratadas quedan a cargo dun grupo numeroso de persoas voluntarias ou dunha comunidade.

O proxecto chegou a España en 2016 e en 2017 ponse por primeira vez en práctica na USC baixo o nome MicroMundo-SWI e a responsabilidade dos docentes da USC Trinidad de Miguel Bouzas, Sandra Sánchez Poza e Carlos Rodríguez Osorio. A comunidade participante no SWI da USC está constituída por centros de ensino secundario da nosa contorna e na súa titorización participan alumnos da materia Microbioloxía I do grao en Farmacia. Tratan de descubrir novos microorganismos a partir de mostras de solo seleccionadas por eles mesmos, así como avaliar o seu potencial para a produción de novos antibióticos.

MicroMundo/SWI@USC presentará os seus resultados esta tarde, ás 16.30 horas no Salón Nobre de Fonseca, nun acto de clausura que preside a vicerreitora Celia Besteiro. Nel intervirán María Luisa Pérez del Molino, xefa do Servizo de Microbioloxía da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela e membro do proxecto da WHO/IUATDL “Global project on Anti Tuberculosis Drug Resistance Surveillance’, cunha charla sobre a resistencia aos antobióticos e Balázs Libisch, do Centro Nacional húngaro de Investigación e Innovación en Agricultura, e Lubomír Janda, do Instituto checo de Investigación Veterinaria.