Saltar ao contido principal
Xornal

Trescentos especialistas participan en Dereito no XVII Congreso da Asociación de Constitucionalistas de España

Este xoves 4 e o venres 5 co lema ‘Seguridade e liberade no sistema democrático’

Actualizada: 03-04-2019 14:29
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Asociación de Constitucionalistas de España (ACOES) celebrará o seu décimo sétimo Congreso na Facultade de Dereito da USC este xoves 4 e o venres 5 organizado pola propia asociación, a Universidade compostelá e o seu Centro de Estudos de Seguridade (CESEG). Esta é a primeira vez que o encontro se celebra en Galicia. A sesión inaugural celebrarase este xoves a partir das 17.30 horas no Salón de Actos da Facultade coa presenza do reitor Antonio López e do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Está previsto igualmente a presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira; a valedora do Pobo, Milagros Otero Parga; o presidente de ACOES, Enric Fossas Espadaler; e a directora do Centro de Estudos Políticas e Constitucionais, Yolanda Gómez Sánchez.

O programa organizado analizará e debaterá os distintos aspectos e problemas que “nas democracias modernas suscita o decisivo e difícil equilibrio entre seguridade e liberdade”. Neste senso, entre outras cuestións os relatorios incluídos no programa aludirán a cuestións relativas ao desafío constitucional do terrorismo, a actividade de intelixencia ou á perspectiva constitucional dos avances tecnolóxicos en seguridade. Coa organización desta congreso, a Asociación de Constitucionalistas de España pretende servir de instrumento útil á sociedade coa “apertura dun debate tan crucial como necesario na actualidade”, por terse convertido “nun reto esencial que determina a nosa forma de convivencia”, destacan os organizadores.

‘Seguridade e liberade no sistema democrático’ é o lema do encontro de cuxa coordinación é responsable o profesor José Julio Fernández Rodríguez e no que está prevista a asistencia de trescentos docentes de Dereito Constitucional de España e do estranxeiro. Integran o comité organizador, Roberto L. Blanco Valdés, Ana Gude Fernández, Begoña López Portas, Carlos Ruíz Miguel e Vicente A. Sanjurjo Rivo.

Programa
Logo do acto inaugural está prevista unha sesión moderada por Roberto L. Blanco Valdés que leva por lema ‘Diálogo: Que liberdade e que seguridade queremos? E cal necesitamos?’. Intervirán Bartolomé Bauzá Abril, analista xeoestratéxico; Miguel Revenga, da Universidade de Cádiz; e Arianna Vedaschi, da Universidade Bocconi de Milán.