Saltar ao contido principal
Xornal

A profesora María de los Ángeles Gómez González premiada pola Asociación Española de Lingüística Aplicada

Actualizada: 04-04-2019 14:24
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

María de los Ángeles Gómez González. Foto: Servimav-USC

A profesora María de los Ángeles Gómez González acaba de ser recoñecida pola Asociación Española de Lingüística Aplicada (AESLA), unha das asociacións científicas europeas con maior número de socios/as, co seu XXII Premio de Investigación na categoría de Investigadores Experimentados. O recoñecemento foi outorgado no transcurso do 37º Congreso que a asociación celebrou en Valladolid polo volume The Construction of Discourse as Verbal Interaction de M. Á. Gómez González e J. Lachlan Mackenzie, editado en 2018 pola prestixiosa editorial John Benjamins (Amsterdam).

Este premio ten como obxectivo fomentar a investigación de calidade nos ámbitos temáticos de AESLA, valorando o grado de coñecemento sobre o tema investigado, o rigor científico do traballo, a relevancia e innovación dos resultados obtidos e as implicacións teórico-prácticas para investigacións futuras. O traballo polo que foi premiada a docente da USC presenta achegas novidosas sobre análise do discurso e proporciona unha visión novidosa da súa utilización na interacción verbal, tomando en consideración tanto as súas características explícitas como as implícitas. O volume combina temas teóricos cunha orientación práctica, comparando idiomas, analizando diferentes rexistros ou estudando fórmulas de apertura, entre outras cuestións.

María de los Ángeles Gómez González é catedrática no Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC, onde coordina as materias English Phonetics and Phonology, English Syntax and Semantics, English Grammar and Discourse, e Pragmatics and Discourse Analysis in English, que entroncan co seus  intereses de investigación: a lingüística funcional e aplicada, así como a pragmática e a análise (crítica) do discurso. Ademais é a investigadora principal do grupo SCIMITAR, un foro para a cooperación internacional entre persoal investigador centrado no estudo da interface entre gramática e o discurso no inglés actual. O grupo traballa especificamente na comparación intralingüística de diferentes variedades de inglés e na súa comparación lingüística con outros idiomas, especialmente o español.