Saltar ao contido principal
Xornal

A dieta atlántica, a debate este venres na Facultade de Medicina

Actualizada: 04-04-2019 11:13
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel do Simposio

A Facultade de Medicina acollerá este venres 5 o terceiro Simposio internacional sobre dieta atlántica en Compostela coa pretensión de achegar á sociedade as principais características e beneficios deste patrón de alimentación e estilo de vida. É unha actividade organizada pola Fundación Dieta Atlántica da USC e patrocinado pola compañía galega de distribución alimentaria Velgalsa-Eroski. Na Facultade compostelán daranse cita preto de 200 asistentes, entre persoal investigador, médico, estudantes e empresas agroalimentarias e do sector saúde de Galicia.

Na inauguración do encontro, a partir das 9.00 horas, está prevista a participación do reitor Antonio López; do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez-Almuiña; do secretario xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete Lasa; dos profesores Felipe Casanueva e Rosaura Leis; e do director xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González.

Un estilo de vida histórico
O primeiro bloque temático do Simposio centrarase nas orixes do proxecto, abordando a historia da dieta atlántica e a alimentación en Galicia da man do historiador Xavier Castro. Fará un percorrido polas raíces desta dieta a través da historia da alimentación dos galegos dende a época castrense ata a actualidade, analizando de xeito pormenorizado a alimentación e gastronomía na Prehistoria e na Antigüidade, no medievo, no Antigo Réxime e na época contemporánea.

A profesora Manuela  Vaz- Velho do Instituto Politécnico de Viana do Castelo abordará as principais características da Dieta Atlántica entre as que se atopa a abundancia de alimentos de tempada, locais, frescos e minimamente procesados; a abundancia de alimentos vexetais; o consumo de peixes e mariscos frescos, conxelados ou en conserva; o de leite e derivados lácteos; o consumo de carne de porco, vacún, caza e aves; o de viño en cantidades moderadas, o uso de aceite de oliva para aderezado e cociñado e unha preparación culinaria preferente por cocción, guisado e brasa. Pecharán este primeiro bloque os doutores Aniceto Charro e Rafael Tojo detallando as orixes desta variante alimentaria.

Nutrición e sustentabilidade
O programa deseñada tratará tamén a situación actual da Dieta Atlántica,  reflexionando sobre as características nutricionais da alimentación atlántica, da man do endocrinólogo pediátrico no Hospital de Ferrol Diego Bellido; sobre a alimentación rexional Norte-Sur-Este-Oeste en Galicia, tema sobre o que intervirá o doutor Alfonso Soto, do  CHUAC; e sobre a adherencia da dieta atlántica no segmento  infanto-xuvenil, tema que desenvolverá a profesora da Facultade de Medicina da USC, Rosaura Leis.

Logo desta radiografía inicial, o Simposio prestará atención á evolución cara a un novo  Atlantic Diet  Score, a cargo da doutora Cristina  Tejera, do Hospital de Ferrol, así como a sustentabilidade, avaliando a súa pegada de carbono, cuestión que desenvolverá o catedrático de Enxeñaría Química da USC Gumersindo Feijoo.

O decano da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, Rafael Martín, reflexionará sobre o cambio de hábitos sedentarios por outros activos, para seguir coa intervención da doutora Mar Calvo, do CHUS, que presentará o estudo Galiat para a promoción da Dieta Atlántica tradicional nunha comunidade mediante a intervención en familia. Este bloque completarase analizando o rol dos distribuidores en canto aos alimentos de proximidade e de estación na Dieta Atlántica, de man de María Estévez, responsable de Proxectos de  Vegalsa-Eroski.

Opción  cardiosaludable
O Simposio concluirá analizando no seu último bloque o futuro da Dieta Atlántica.   Así, Para iso Ana B. Crujeiras, do  IDIS-CHUS, relacionará o seu vínculo coa epixenómica, mentres que César Agostinis-Sobrinho, investigador da Facultade de Deportes da Universidade de Porto, falará sobre a aptitude muscular e a dieta atlántica do sur de Europea na saúde cardiometabólica en adolescentes. ‘Os  subprodutos de xamón curado como fonte de péptidos cardioprotectores’ pechará o último bloque do Encontro, relatorio que pronunciará Leticia Moura, investigadora no Instituto de  Agroquímica e Tecnoloxía de Alimentos (IATA)- CESIC.