Saltar ao contido principal
Xornal

A USC traballa con alumnado preuniversitario no descubrimento de novos antimicrobianos

Clausurouse a segunda edición de MicroMundo-SWI, unha iniciativa Aprendizaxe-Servizo enmarcada nun proxecto colaborativo a nivel mundial

Actualizada: 04-04-2019 13:56
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

En 2012 nacía na Universidade de Yale a iniciativa Small World Initiative  (SWI) coa fin de achegar a cultura científica e a investigación biomédica a novos estudantes  para fomentar a vocación investigadora a través dunha estratexia de ‘crowdsourcing’ dirixida ao descubrimento de novos antibióticos. O método a seguir é idéntico ao célebre achado casual da penicilina por Alexander Fleming, mais de maneira dirixida e participativa xa que implica a externalización de tarefas que, en lugar de ser subcontratadas, quedan a cargo dun grupo numeroso de persoas voluntarias ou dunha comunidade.

O proxecto chegou a España en 2016 da man de profesores da UCM, cunha novidade respecto ao proxecto norteamericano como é a integración de diversos niveis educativos mediante unha estratexia de aprendizaxe-servizo. Xa en 2017 ponse por primeira vez en práctica na USC baixo o nome MicroMundo-SWI e a responsabilidade dos docentes da USC Trinidad de Miguel Bouzas, Sandra Sánchez Poza e Carlos Rodríguez Osorio.

A comunidade participante no SWI da USC, que conta co apoio da Sociedade Española de Microbioloxía e se enmarca no programa A Ponte, está constituída por centros de ensino secundario da nosa contorna e na súa titorización participan alumnos da materia Microbioloxía I do grao en Farmacia. Tratan de descubrir novos microorganismos a partir de mostras de solo seleccionadas por eles mesmos, así como avaliar o seu potencial para a produción de novos antibióticos.

MicroMundo/SWI@USC
MicroMundo/SWI@USC presentou os seus resultados no Salón Nobre de Fonseca nun acto de clausura que presidiu a vicerreitora Celia Besteiro e no que interviñeron María Luisa Pérez del Molino, xefa do Servizo de Microbioloxía da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago e membro do proxecto da WHO/IUATDL ‘Global project on Anti Tuberculosis Drug Resistance Surveillance’, cunha charla sobre a resistencia aos antobióticos e Balázs Libisch, do Centro Nacional húngaro de Investigación e Innovación en Agricultura, e Lubomír Janda, do Instituto checo de Investigación Veterinaria.

O proxecto MicroMundo/SWI@USC pretende implicar xente nova nun proxecto de ámbito internacional que estimule a vocación do alumnado preuniversitario pola investigación científica, motivándoo para realizar a súa formación universitaria en Ciencias Experimentais e da Saúde ou a continuar a súa carreira científica neste ámbito unha vez rematados os estudos universitarios.

Por outra banda, busca concienciar a sociedade sobre un problema de saúde acuciante: a crecente resistencia das bacterias aos antibióticos e a necesidade de financiar a investigación para o descubrimento de novos antimicrobianos. De non ser así, advirten os responsables da iniciativa, os custes económicos e sociais ata o ano 2050 estímanse respectivamente en 100.000 billóns de euros e 300 millóns de mortes prematuras.

No proxecto da USC os estudantes universitarios actúan como monitores SWI mediante una estratexia de aprendizaxe e servizo (ApS), modalidade que implica o alumnado en proxectos educativos con utilidade social vencellando así de maneira directa a Universidade coa cidadanía. Son, deste xeito, estudantes da materia Microbioloxía I de Farmacia quen nos centros de Ensino Secundario e Bacharelato colaboradores, e baixo a supervisión do PDI implicado, organizan e xestionan un laboratorio de microbioloxía no que traballan con microorganismos ademais de charlas sobre o problema das resistencias bacterianas e o seu impacto socioeconómico.

No caso de observar no traballo de campo algún fenómeno positivo de antibiose, os monitores SWI emprazan a alumnado seleccionado a participar nun obradoiro na USC no que se explicará como se realiza a identificación dos microorganismos mediante técnicas microscópicas, bioquímicas e moleculares. Rematado o proxecto, os microorganismos seleccionados deposítanse na colección do Departamento de Microbiooxía e Parasitoloxía ou en grandes coleccións xestionadas por plataformas de rastreo a gran escala, como a da Fundación MEDINA (Granada) onde estarán a dispor dos equipos que desexen caracterizar en profundidade a produción de posibles antibióticos.


Outras imaxes