Saltar ao contido principal
Xornal

A USC colabora na organización do Día Internacional da Luz 2019 en España

Actualizada: 04-04-2019 14:04
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel do concurso, cuxo prazo remata o 23 de abril

O Comité Español do Día Internacional da Luz (DIL) aprobou recentemente a designación de Santiago de Compostela como sede do acto central da celebración do DIL en España no presente ano. A USC será a encargada de organizar o evento a través do comité organizador local que preside a profesora María Teresa Flores Arias e no que tamén participan a decana da Facultade de Física, Elena López Lago; a profesora Carmen Bao Varela; e os profesores Justo Arines Piferrer e Vicente Moreno de las Cuevas. O alumnado estará representado neste comité pola presidenta da Student Chapter da Sociedade Americana de Óptica (OSA) na USC, María Aymerich.

Neste contexto, xa abriu o prazo de recepción de traballos un concurso fotográfico cuxo prazo de presentación se estenderá ata o día 23 de abril. O obxectivo desta convocatoria é celebrar este evento destacando as imaxes máis interesantes e de calidade relacionadas con algún fenómeno óptico. A fotografía debe ser enviada ao enderezo de correo electrónico SantiagoDIL2019@gmail.com, xunto co nome do participante, un título do traballo e modelo de cámara coa que se obtivo.

Acto central
O acto central da celebración do DIL terá lugar o 15 de maio de 2019 no Hostal dos Reis Católicos, arredor de conferencias divulgativas sobre diversos aspectos actuais da fotónica e obradoiro con experimentos que estarán destinados ao público xeral e especialmente a estudantes de educación secundaria. Para finalizar esta xornada realizarase unha actividade de Lightpainting pola noite na praza do Obradoiro, con obxecto de promover o impacto do DIL e dar a coñecer a importancia das tecnoloxías da luz.