Saltar ao contido principal
Xornal

‘Música e Significado’, o concerto da Orquestra da Universidade de Santiago para dar comezo á primavera

Actualizada: 05-04-2019 08:59
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Un ano máis, a Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela que dirixe Mario Diz dará a benvida á primavera cun concerto este domingo 7 na Igrexa da Universidade. O recital, que leva por título ‘Música e significado’, será ás 19.00 horas con entrada libre.

O programa de concerto reunirá obras de insignes compositores como Chaicovsqui, Delius ou Bizet, pero especialmente a Orquestra asume un reto acompañando o solista Thomas Piel, violonchelista da Real Filharmonía de Galicia, que achegará ao público unha obra inédita para este instrumento: o Pequeno Concerto para Violonchelo e cordas de Enrico Mainardi. Escrito en 1966, o afamado violonchelista italo-alemán estreou unha única vez esta obra interpretada por el mesmo e que quedou renegada ao esquecemento mesmo sen editarse as partituras. No seu labor de difusión e promoción musical, a Orquestra asumiu o estudo e transcrición deste Concerto para violonchelo solista ademais da interpretación e acompañamento.

Tanto desta obra central do concerto como das outras que complementan o programa serán introducidas por breves explicacións que prepararán ao público á escoita e ao coñecemento previo, prestando especial atención ao significado que reúne estes significantes musicais.

Ao concerto propiamente dito precederalle unha interpretación do primeiro movemento do cuarteto ‘Americano’ do compositor Antonin Dvorak, onde Pablo Rodriguez e Gonzalo Muiño aos violíns, Sabela Fernández e Javier Coira á viola e violonchelo respectivamente integran un dos grupos de cámara emerxentes do proxecto Universitas Música que vén de promover a USC cos integrantes da Orquestra para favorecer a ensinanza nesta especialidade camerística.

Concerto en Vila de Cruces
A Orquestra da Universidade de Compostela que preparou este programa cos profesores Roberto Santamarina e Antía García en violín, Blanca Bello e Carlos G. Amigo na viola e violonchelo reinterpretarano o vindeiro 27 de abril en Vila de Cruces, enmarcado no programa Música en Camiño que leva desenvolvendo nos últimos anos por diversas vilas galegas.

Thomas Piel
Nado en Colonia (Alemaña), Piel comeza os seus estudos musicais no conservatorio da súa cidade natal e continúa a súa formación na Folkwang-Musikhochschule de Essen con Christoph Richter, onde obtivo a súa diplomatura con honras en 2000. Posteriormente realiza un curso de postgrao con Ksenija Jankovich e asiste a clases maxistrais con M. Carneiro, E. Chiffoleau, S. Palm, T. Demenga e, no Folkwang-Festival, con M. Rostropovich. Colaborou coa Junge Deutsche Philharmonie e o Ensemble Resonanz. En 1998 foi cofundador do ensemble "eMeX", especializado en música contemporánea.

Foi primeiro violoncello solista da Westphaelische Kammerphilharmonie Gutersloh entre 1997 e 2001 e participou na academia orquestral do Bayrischer Rundfunk baixo a dirección de M. Rostropovich. O seu interese polos grandes violoncellistas do pasado levouno a ofrecer recitais e conferencias sobre Gaspar Cassadó, Pau Casals, Enrico Mainardi e Paul Tortelier. Na actualidade ensina violoncello na Escola de Música Berenguela en Santiago de Compostela.

Mario Diz
Dende 2010 é director do Espazo de Cámara da USC, a actual Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela, proxecto que vincula os estudantes universitarios con formación musical a diferentes actividades relacionadas con ela tomando como eixo central a práctica orquestral.

Discípulo do mestre Antón García Abril no eido da composición, pertence á Asociación Galega de Compositores e exerce dende nos últimos anos unha intensa actividade creativa para diferentes agrupacións musicais profesionais e didácticas, entre as que cabe salientar estreas absolutas en dous dos últimos ciclos das Xornadas de Música Contemporánea, os encargos dun cuarteto de corda por parte do afamado Cuarteto Bretón (Es Gibt Dich , «Existes», 2016) e Tres Pezas Para Banda (2015), obra para a Banda Municipal de Santiago de Compostela. Compuxo diferentes pezas para multitude de agrupacións de música de cámara nas que ten unha mención especial a estrea e gravación por parte da cantante Nuria Lorenzo do ciclo de cancións de berce (Tódolos nenos soñan, 2012 ) para a formación de viola, arpa e mezzo-soprano, entre outras.

Foi directivo da EMM de Santiago de Compostela entre 2008 e 2016, onde actualmente é profesor de violín e viola. A súa paixón pola didáctica destes instrumentos reflíctese na súa recente publicación Mi primer violin para iniciación do violín en idades temperás, que inclúe máis de 20 pezas compostas para esta finalidade, e en numerosos estudos comparados sobre as metodoloxías do ensino da corda friccionada.

A Orquestra da USC
A Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela naceu co obxectivo de impulsar no alumnado universitario, e por extensión na cidadanía de Compostela, un proxecto educativo e cultural onde o eixo fundamental é a música. Dirixida por Mario Diz, procura de xeito prioritario a formación musical dos seus membros que, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música. Para esta fin, conta e agradece todo tipo de colaboracións, que se van amosando de xeito diverso en cada proxecto.

A Orquestra da Universidade afondou en proxectos tan ilusionantes como o aniversario de Debussy co concerto de Arpa e Orquestra do mesmo autor, interpretado pola solista Reyes Gómez especialmente convidada para este evento; o Concerto de Violonchelo de Haydn en Re maior, interpretado por Carlos G. Amigo; o monográfico sobre Astor Piazzolla, ou un monográfico sobre a música galega no que o solista Gregori Nedobora interpretou o concerto do violinista galego Manuel Quiroga. Na tempada 2014-15 interpretou xunto ao coro Vigués Gli Apassionati o Magnificat de J.S. Bach e o Gloria de Vivaldi.

En 2015, polo seu quinto aniversario, edita e publica un dobre CD conmemorativo titulado Un Lustro de Historia onde se reflicten gravacións en directo de diversos concertos realizados nos cinco primeiros anos de andaina desta orquestra e na que participan diferentes afamados solistas que coa súa participación apoian o proxecto.

En colaboración coa Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela realizan unha versión do musical ‘Sweeney Todd’, de Stephen Sondheim. Participa tamén nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela dende o seu inicio xunto á Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia como unha das tres orquestras convidadas.

En novembro de 2018 a Orquestra, membro das redes de orquestras universitarias española e europea, viaxou e participou no II Encontro de Orquestras Académicas en Coímbra (Portugal).