Saltar ao contido principal
Xornal

A dieta atlántica, a debate en Medicina

Actualizada: 05-04-2019 14:00
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Joaquín González, Rousaura Leis, Xosé R. Lete, Jesús Vázquez-Almuiña, Antonio López e Felipe Casanueva. Foto: Servimav-USC

A Facultade de Medicina acolle este venres 5 o terceiro Simposio internacional sobre dieta atlántica en Compostela coa pretensión de achegar á sociedade as principais características e beneficios deste patrón de alimentación e estilo de vida. É unha actividade organizada pola Fundación Dieta Atlántica da USC e patrocinado pola compañía galega de distribución alimentaria Velgalsa-Eroski. Na Facultade compostelán danse cita preto de 200 asistentes, entre persoal investigador, médico, estudantes e empresas agroalimentarias e do sector saúde de Galicia. Na inauguración do encontro, participaron o reitor Antonio López; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez-Almuiña; o secretario xeral para o Deporte, Xosé Ramón Lete Lasa; os profesores Felipe Casanueva e Rosaura Leis; e o director xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González.

Un estilo de vida histórico
O primeiro bloque temático do Simposio centrouse nas orixes do proxecto, abordando a historia da dieta atlántica e a alimentación en Galicia da man do historiador Xavier Castro. Fixo un percorrido polas raíces desta dieta a través da historia da alimentación dos galegos dende a época castrense ata a actualidade, analizando de xeito pormenorizado a alimentación e gastronomía na Prehistoria e na Antigüidade, no medievo, no Antigo Réxime e na época contemporánea.

A profesora Manuela Vaz-Velho do Instituto Politécnico de Viana do Castelo abordou as principais características da Dieta Atlántica entre as que se atopa a abundancia de alimentos de tempada, locais, frescos e minimamente procesados; a abundancia de alimentos vexetais; o consumo de peixes e mariscos frescos, conxelados ou en conserva; o de leite e derivados lácteos; o consumo de carne de porco, vacún, caza e aves; o de viño en cantidades moderadas, o uso de aceite de oliva para aderezado e cociñado e unha preparación culinaria preferente por cocción, guisado e brasa. Pecharon este primeiro bloque os doutores Aniceto Charro e Rafael Tojo detallando as orixes desta variante alimentaria.

Nutrición e sustentabilidade
O programa deseñada trata tamén a situación actual da Dieta Atlántica,  reflexionando sobre as características nutricionais da alimentación atlántica, da man do endocrinólogo pediátrico no Hospital de Ferrol Diego Bellido; sobre a alimentación rexional Norte-Sur-Este-Oeste en Galicia, tema sobre o que interveu o doutor Alfonso Soto, do  CHUAC; e sobre a adherencia da dieta atlántica no segmento  infanto-xuvenil, tema que desenvolveu a profesora da Facultade de Medicina da USC, Rosaura Leis.

Logo desta radiografía inicial, o Simposio prestou atención á evolución cara a un novo  Atlantic Diet  Score, a cargo da doutora Cristina  Tejera, do Hospital de Ferrol, así como a sustentabilidade, avaliando a súa pegada de carbono, cuestión que desenvolve o catedrático de Enxeñaría Química da USC Gumersindo Feijoo.

O decano da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, Rafael Martín-Acero, reflexionou sobre o cambio de hábitos sedentarios por outros activos, para seguir coa intervención da doutora Mar Calvo, do CHUS, que presentou o estudo Galiat para a promoción da Dieta Atlántica tradicional nunha comunidade mediante a intervención en familia. Este bloque completouse analizando o rol dos distribuidores en canto aos alimentos de proximidade e de estación na Dieta Atlántica, de man de María Estévez, responsable de Proxectos de  Vegalsa-Eroski.

Opción  cardiosaludable
O Simposio conclúe analizando no seu último bloque o futuro da Dieta Atlántica.   Así, Ana B. Crujeiras, do  IDIS-CHUS, relaciona o seu vínculo coa epixenómica, mentres que César Agostinis-Sobrinho, investigador da Facultade de Deportes da Universidade de Porto, fala sobre a aptitude muscular e a dieta atlántica do sur de Europea na saúde cardiometabólica en adolescentes. ‘Os  subprodutos de xamón curado como fonte de péptidos cardioprotectores’ pecha o último bloque do encontro, relatorio de Leticia Moura, investigadora no Instituto de  Agroquímica e Tecnoloxía de Alimentos (IATA)- CESIC.


Outras imaxes


O encontro celebrase na Facultade de Medicina. Foto: Servimav-USC