Saltar ao contido principal
Xornal

Especialistas matemáticos tentan resolver na USC problemas reais de empresas

O 147 ESGI desenvólvese en Santiago de Compostela do 8 ao 12 de abril

Actualizada: 08-04-2019 11:48
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Do 8 ao 12 de abril a Facultade de Matemáticas da USC é o escenario do 147 European Study Group with Industry, grazas á colaboración entre a Rede Española Matemática-Industria (math-in) e o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI).

Iniciados en Oxford en 1968, os European Study Group with Industry (ESGI) constitúen un foro para traballar de maneira conxunta científicos industriais e persoal investigador matemático sobre problemas de interese para a industria. Trátase dun método internacionalmente recoñecido de transferencia de tecnoloxía e coñecementos entre as matemáticas e a industria. Estas reunións dunha semana de duración realízanse varias veces ao ano en diferentes cidades europeas.

A edición número 147 desta peculiar iniciativa ten lugar esta semana na USC, onde representantes de tres empresas se reunirán con especialistas matemáticos para traballar sobre problemas concretos.

Espellos que se ensucian
TSK Electrónica y Electricidad é unha empresa de enxeñaría radicada en Xixón (Asturias) e especializada no desenvolvemento de proxectos de plantas de enerxía. No caso concreto da enerxía termosolar de concentración mediante captadores cilindro-parabólicos, precisan coñecer a reflectividade media dos espellos dunha planta de maneira regular.

As plantas de xeración de electricidade mediante esta tecnoloxía ocupan grandes extensión e solen estar en zonas áridas ou desérticas onde hai moito polvo que, ao depositarse nos espellos reduce a súa reflectividade e por tanto a súa eficiencia. Para a empresa propietaria, é importante determinar o momento axeitado para limpalos, de maneira que o custe da limpeza se equilibre coa perda de enerxía xerada pola redución de reflectividade.

Evitar danos aos aeroxeradores
Un vento moi forte non sempre é adecuado para converter a súa enerxía en electricidade mediante aeroxeradores. Existe un punto a partir do cal as estruturas e mecanismo dos muíños comezan a sufrir e ponse en risco a súa integridade ou polo menos se acelera o seu deterioro e se reduce a súa vida útil. Para a empresa Solute, unha consultora de enxeñaría especializada en enerxía eólica, é importante establecer os parámetros de control para garantir o funcionamento fiable e eficiente dos aeroxeradores.

Soldaduras sen burbullas
Estaños y Soldaduras Senra é una empresa emprazada en Ourense pertencente ao Grupo Senra que desenvolve, produce e distribúe estaños e produtos aliados non férricos a partir de metais puros recuperados para soldadura. En concreto, fabrica fíos de soldadura con aliaxes baseadas en estaño e chumbo. No proceso de fabricación mediante baleirado manual prodúcense burbullas no material que logo, tras a extrusión, pasan ao fío, que é o formato do material final. Para evitar isto cambiaron o sistema de produción, e agora precisan saber se neste novo proceso as burbullas escapan e desaparecen e optimizar os parámetros para coñecer a que velocidade hai que arrefriar o material.

A busca de solucións
Tras cinco días de traballo individualizado e a porta pechada entre os representantes das compañías e os matemáticos implicados, cada unha das empresas recibirá un informe coas conclusións.

Nos equipos de especialistas que afrontan os problemas incorpóranse doutorandos e doutorandas e alumnado de mestrado que aprenden así a coñecer a forma en que a investigación pode trasladarse á actividade das empresas.