Saltar ao contido principal
Xornal

A Universidade de Santiago aproba o límite de prazas para o vindeiro curso

Actualizada: 08-04-2019 15:30
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago aprobou este luns en sesión ordinaria a súa proposta de límite de prazas en graos para o curso 2019-2020, que terá que ser ratificado polo Goberno autonómico.

Así, aumentan o número de prazas os graos en Pedagoxía e Educación Social, de 68 a 70; Dereito, de 160 a 180; Matemáticas, de 100 a 110; Psicoloxía, de 140 a 150; Enxeñaría Informática, de 60 a 80; Traballo Social, de 80 a 85; e os dobres graos de Enxeñaría Informática e Matemáticas e de Matemáticas e Física, de 10 a 12, e o de Mestre de Educación Infantil e Primaria, de 16 a 20. O título que reduce o número de prazas é Historia da Arte, de 90 a 85. Igualmente, o órgano colexiado aprobou a proposta de 50 prazas para o futuro grao de Robótica.

Selección de profesorado
Na mesma xuntanza, aprobouse o regulamento de selección de profesorado non permanente, que vén substituír a normativa provisoria aprobada en 2005. O documento ten por  obxecto regular os concursos para a selección de profesorado contratado non permanente, así como a elaboración de listaxes de agarda para a cobertura de necesidades docentes sobrevidas, urxentes e  inaprazable.

O novo regulamento, que en base aos Estatutos da USC dispón que a selección se efectuará con respecto aos principios de igualdade, mérito e capacidade e co concurso como procedemento de contratación, foi presentado aos equipos decanais e de dirección e negociado na Mesa de Persoal Docente e Investigador.

Plan de melloras
O Consello de Goberno deu tamén o seu visto bo a un novo Plan de Melloras de calidade, que nesta ocasión se circunscribe aos cursos académicos 2018-19 e 2019-2020. Unha vez avaliado o grao de execución das accións contidas no plan do curso pasado, a Vicerreitoría de Planificación e Proxección Estratéxica propón un documento con once obxectivos e accións.

Así, no ámbito da xestión institucional contempla a mellora da xestión de títulos interuniversitarios a través dun protocolo que harmonice estes procesos, a creación dun repositorio de boas prácticas accesible na web, o desenvolvemento dun seminario para analizar os indicadores do sistema de xestión de calidade (SGC) de cara á súa simplificación e a mellora da Aplicación de Calidade AASX. Ademais, en 2019 establecerase un informe, a presentar cada mes de decembro ao Consello de Goberno e ao Consello Social, sobre os resultados docentes e a evolución dos indicadores de calidade e fomentarase a participación nas enquisas incluídas no SGC.

No referido á relación coa contorna, o plan establece a creación dun observatorio de empregabilidade como órgano estable da USC e un protocolo de actuación para a coordinación das redes sociais dos distintos departamentos universitarios. Xa no ámbito das persoas proponse a distinción pública con carácter anual dos docentes destacados nas enquisas de satisfacción e a mellora dos sistemas de acollida de novo alumnado. Por último, contempla a elaboración dun modelo de guía docente co que mellorar a información que ten o alumnado sobre as competencias que debe adquirir e o seu sistema de avaliación.

Outros asuntos
A xuntanza deste órgano de goberno aprobou ademais os Premios Extraordinarios de Doutoramento 2016/2017, a modificación do regulamento para a asignación de prazas de catedrático/a de Universidade pola quenda de promoción interna, diversas propostas de modificación de títulos de grao e mestrado, un catálogo de materias para estudantes de mobilidade entrante e a tramitación como reverificación dos títulos de Graos en Xeografía e Ordenación do territorio e Mestrado en Técnicas Estatísticas.

Ademais, aprobou a oferta de prazas para mestrados e programas de doutoramento do vindeiro curso e a memoria económica das cátedras institucionais, entre outros asuntos.