Saltar ao contido principal
Xornal

Filoloxía convoca o V Concurso literario ‘Mazarelos’

Actualizada: 09-04-2019 08:57
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel do certame literaria Mazarelos

Fomentar a creatividade da mocidade universitaria e desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como contribuír a descubrir potenciais figuras para a nosa literatura son os obxectivos que guían a Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Filoloxía da USC para convocar por quinta vez o Concurso literario Mazarelos.

O concurso está aberto á participación de todo o alumnado da USC, para o cal deberá presentar unha obra de calquera xénero literario e calquera tema, orixinal e escrito en lingua galega. O prazo para a presentación de orixinais rematará o venres 27 de setembro de 2019 ás 14.00 horas. O xurado estará composto por cinco membros: tres docentes da propia Facultade e dous escritores/as sen relación actual co centro.

Son moitas as figuras literarias galegas que estudaron nas aulas universitarias composteláns ao que se suma a iniciativa da Facultade de Filoloxía a prol da convocatoria de certames e revistas literarias  para dar acubillo á creatividade no eido das letras galegas. Xa que logo, este certame recupera a tradición da Facultade para descubrir e proxectar novas voces que poidan chegar a ser figuras da literatura galega. De feito algunhas das persoas premiadas en edicións anteriores xa despuntan no actual panorama literario galego, como Arancha Nogueira, Alba María Rodríguez ou Xián Lois Alcayde Dans.

Novidades
Nesta convocatoria os galardóns incrementan a súa contía ata os 700, 400 e 200 euros, respectivamente, máis diploma.  A esta xenerosa dotación axúntaselle a publicación da obra. Este ano a Facultade editará un libro que reunirá as obras gañadoras nestas cinco edicións (as catro anteriores mais a actual). En opinión do equipo promotor da convocatoria “será unha bela mostra do talento creativo, das destrezas literarias e do dominio lingüístico que dende 2015 se leva acreditado no concurso Mazarelos da Facultade de Filoloxía”.

Co nome deste certame a CNL de Filoloxía lembra o lugar que viu nacer os estudos filolóxicos e literarios na USC, a praza de Mazarelos, e o edificio agora ocupado por Filosofía, localizacións emblemáticas que mesmo se reivindican na imaxe do cartel anunciador. O certame conta co apoio técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC e o económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.