Saltar ao contido principal
Xornal

Un foro da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo advirte da problemática global que depara a resistencia a antibióticos

O plan de asistencia sepse en Galicia e o liderado da enfermaría na asistencia sanitaria, temas a debate no marco dun foro que congrega no Hula a máis de 350 participantes

Actualizada: 09-04-2019 12:18
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Participantes na XXIV Xornadas da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo

O problema de saúde pública que está a deparar a resistencia a antibióticos e a innovación en procesos e xestión como clave para mellorar a atención a doentes constitúen dous dos temas obxecto de debate no marco da XXIV Xornada da Escola de Enfermaría de Lugo, un foro científico e de divulgación que, baixo o título ‘Intercambiando experiencias’, cita este martes uns 350 participantes, entre estudantes e profesionais, no Hospital Universitario Lucus Agusti (Hula) de Lugo.

 

A catedrática de Bioquímica e Bioloxía Celular da Universidade da Rioxa, Carmen Torres Manrique abriu este martes a quenda de relatorios da foro de enfermaría ‘Intercambiando experiencias’ coa intervención titulada ‘Resistencia a antibióticos, un problema de saúde pública’, unha charla na que salientou que “España é o país do mundo que lidera o consumo de antibióticos en humanos”, o que se traduce nunha grave problemática de saúde pública que, segundo advirten diversas sociedades científicas, depara máis mortes que a sinistralidade viaria.

 

A responsable do grupo de investigación Ecoloxía molecular da resistencia aos antibióticos e seguridade alimentaria da Universidade da Rioxa, un equipo que traballa desde hai máis de tres décadas na resistencia desenvolvida polas bacterias fronte aos antibióticos e colabora co Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos (PRAN), ademais de desenvolver actividades de concienciación social sobre este problema, abordou a problemática da resistencia bacteriana aos antibióticos como un “fenómeno global”, con incidencia na saúde humana e animal, así como na seguridade alimentaria e mesmo na ecoloxía ambiental.

 

A sepse, unha sepse enfermidade potencialmente mortal causada por unha reacción do corpo ante unha infección,  e o plan de asistencia deseñado en Galicia, deu continuidade ao programa da xornada. Así, a subdirectora Xeral de Avaliación Asistencial e Garantías do Sergas, Carmen Durán Parrondo, explicou as particularidades e os obxectivos do chamado Código Sepse, cuxo éxito reside na coordinación e na detección precoz. O plan de asistencia Sepse en Galicia abriu a táboa redonda arredor da innovación con clave na mellora da atención coordinada pola profesora da Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Lugo Olga López Racamonde e na que outras profesionais da enfermaría trataron cuestións ligadas ao liderado da enfermaría na seguridade do paciente ou á prevención de complicacións en doentes con accesos vasculares desde os coidados baseados na evidencia.

 

Unha reflexión do presidente da Academia de Enfermaría de Galicia, Isidoro Rodríguez, sobre a pertinencia das sociedades científicas na profesión de coidar, seguida da presentación de comunicacións científicas elaboradas por alumnado da Escola de Enfermaría do campus de Lugo pecharán o programa matinal. Xa en quenda de tarde, a  mesa de debate ‘Desenvolvemento de competencias de investigación na formación de grao’ deu continuidade ao foro de enfermaría.

 

A profesora da Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Lugo Celia Novo Teijeiro actuou como moderadora dun coloquio no que as enfermeiras María Quiroga López, Iria Penas Murujosa, Jéssica Fernández Pacio e Laura Alvariño Vázquez, presentaron comunicacións sobre as hábitos sexuais e protección fronte enfermidades de transmisión sexual entre estudantes do campus de Lugo, coñecementos en cribado de cérvix, o Eco-Doppler nas venopuncións periféricas ou sobre a percepción que teñen os estudantes universitarios respecto da obesidade en España.

 

Acto inaugural

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, animou ao estudantado universitario participante nestas xornadas a “non descoidar o itinerario da investigación no seu futuro profesional”, unha chamada que tamén fixo súa a presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo, Lurdes Bermello, quen tamén reivindicou o liderado da enfermaría na atención e no deseño de políticas sanitarias, unha demanda tamén compartida pola directora d EOXI Lugo, Cervo e Monforte, María Jesús Pérez Taboada. O xerente do Hula, Ramón Ares, salientou a importancia da conexión hospital-universidade que favorece a celebración deste tipo de eventos, ao tempo que animou á directora da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo, Asunción Núñez Magdalena, a deseñar co mesmo esmero o programa das vodas de prata deste foro de enfermaría.


Outras imaxes


Pérez, Valcárcel, Ares, Núñez e Bermello, na apetura das xornadas no Hula

Relatores e profesionais asistentes ás xornadas

Núñez Magdalena e Torres Manrique