Saltar ao contido principal
Xornal

Visita guiada á exposición ‘Máis alá do Estereotipo’ da man da autora Mery Pais

Actualizada: 09-04-2019 13:00
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A artista compostelá Mery Pais guiará o xoves 11 unha visita pola súa exposición ‘Máis alá do estereotipo’ que permanece aberta na Igrexa da Universidade. No percorrido, ás 20.00 horas e de entrada libre, aproveitará para activar a peza ‘Detrás del Velo II’ na que afonda na liberdade de elección individual da muller musulmá.

Comisariada por Íñigo Rodríguez, a mostra recolle o máis importante traballo da autora desde os seus anos de formación no Instituto de Belas Artes de Tetuán ata os proxectos máis recentes. As pezas escollidas para Máis alá do Estereotipo mostran a súa versatilidade técnica, con fotografía, vídeo instalación, cerámica, instalación sonora ou neon.

Pais é unha creadora valente e controvertida que aposta nas súas obras por unha arte abertamente política e con perspectiva de xénero. Analiza os modelos de conduta que se dan na relación entre Europa e norte de África, sinalando estereotipos enquistados nas dúas sociedades, que anulan o individuo e alimentan os mesmos medos que veñen perpetuándose a ambos lados do Estreito durante séculos.

A mostra poderá visitarse ata o 26 de abril de luns a venres de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:30 e os sábados de 18:00 a 20:30 horas.