Saltar ao contido principal
Xornal

Os candidatos e candidata á alcaldía de Santiago participarán o 14 de maio nun debate organizado por Ciencias Políticas

Será o 14 de maio ás 18.00 horas e nel participarán os partidos con representación no actual consistorio

Actualizada: 10-04-2019 12:55
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Diante das próximas e inminentes convocatorias electorais, a Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC ten previsto desenvolver varias actividades sobre a temática, entre elas un encontro entre as candidaturas á alcaldía de Compostela.

Nese debate, o 14 de maio ás 18:00 horas no Salón de Actos do centro, participarán os candidatos e candidata á alcaldía dos partidos con representación actual no consistorio: Martiño Noriega Sánchez (Compostela Aberta), Agustín Hernández Fernández de Rojas (PPdeG), Xosé A. Sánchez Bugallo (PSdeG-PSOE) e Goretti Sanmartín Rei (BNG).

España e Europa
Previamente, o 25 de abril ás 12:00 horas, está prevista a mesa redonda ‘España e Europa ante un novo reto electoral: Eleccións xerais e europeas 2019’ na que intervirán o investigador do Real Instituto Elcano e profesor do Departamento de Ciencia Política e Relacións Internacionais da Universidade Autónoma de Madrid Ignacio Molina A. de Cienfuegos e a profesora do Departamento de Dereito Constitucional, Ciencia Política e da Administración da Universidade de Valencia Astrid Barrio López. Modera o debate José Rama Caamaño, graduado en ciencia política pola USC e investigador doutoral no Departamento de Ciencia Política da Autónoma de Madrid.