Saltar ao contido principal
Xornal

O Coloquio internacional anual da Sociedade de Filosofía Medieval homenaxea estes días na USC o profesor César Raña

Actualizada: 22-04-2019 11:47
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Sociedade de Filosofía Medieval (SOFIME) desenvolve este luns 22 e o martes na USC o seu congreso internacional anual que, co lema ‘ De amicitia. Amizade na filosofía medieval e inicios da modernidade’, nesta ocasión serve tamén de homenaxe ao profesor da USC finado o pasado ano César Raña Dafonte.

Na inauguración do encontro, este luns ás 15.30 horas do salón de actos da Facultade de Filosofía, participarán o decano do centro, Marcelino Agís Villaverde; o presidente de SOFIME,  José Francisco Meirinhos; o director do Departamento de Filosofía e Antropoloxía da USC, José Luis Falguera López; e o presidente do comité organizador, Martín González Fernandez.

Os relatorios comezarán coa lectura por parte de Rocío Carolo do texto ‘ Filosofía e amizade no Medievo’ da autoría de César Raña. Seguidamente intervirán José Luis Fuertes Herreros, da Universidade de Salamanca, con ‘ La filosofía del Renacimiento y el sujeto moderno’ e Rafael Ramón Guerrero (Complutense de Madrid) e Ángel Poncela-Gonzalez (Univ. Salamanca) con Miskawayh: Sobre la amistad’ e ‘Humanismo y ética en el islam. La cuestión de los universales antropo-éticos’, respectivamente. A xornada rematará coa asemblea xeral da Sociedade.

A sesión do martes incluirá diversos relatorios de especialistas de universidades de Madrid, Pamplona, Barcelona e Mallorca así como de Portugal, Colombia ou México.