Saltar ao contido principal
Xornal

A oitava edición de Somos a curta! premiará as mellores curtas de cinema do real en galego

Actualizada: 24-04-2019 13:42
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación volve convocar, este ano por oitava ocasión, o concurso ‘Somos a curta!’ enfocado cara ao cinema do real e coa intención de promover o noso idioma no audiovisual, un eido clave para a sociedade.

No certame pode participar o alumnado das tres universidades galegas e o do bacharelato artístico e das diferentes escolas de Imaxe e Son de Galicia. O prazo para presentaren as pezas está aberto ata o día 11 de outubro, e como novidade este ano poderá facerse a través das plataformas Office365 e WeTransfer, co que os e as concursantes evitarán ter que gravar copias en dvd e achegalas por correo postal ou presencialmente, aínda que tamén poderá proceder deste xeito quen quixer.

As curtas non poderán sobardar os 10 minutos, a súa lingua de desenvolvemento (título, diálogos, narracións, títulos de crédito...) será o galego e xirarán tematicamente arredor da propia realidade social galega.

O concurso está dotado con dous galardóns de 500 e 250 euros, respectivamente, para os dous proxectos mellor valorados polo xurado. Ademais, farase entrega dun premio á curta que acade unha maior acollida entre o público asistente ao evento que terá lugar o 6 de novembro ás 20:00 horas no Salón de Actos da Facultade, na cal se visualizarán os traballos presentados.

Nas edicións anteriores de Somos a curta! gañaron as dedicadas ao humor Longa noite de verga (2011),   Chapeau, Por Couso, Familia (2012), Santiago de Compostela 2014 e Loita de clases (2013),    Laranxa e media, Quérote tal e como son (2015),  Non é país para mocosos, 1000 maneiras de espichala e Nada peor (2016), Entropía e A conferencia (2017), e as dedicadas ao cinema do real Café Bar Choiva e Catro escenas dunha vila (2018).