Saltar ao contido principal
Xornal

A EPS de Enxeñaría bota a andar o proxecto ‘Aterra!: o futuro no agro’ co obxecto de impulsar o emprendemento agrario

A vicerreitora Montserrat Valcárcel presenta este xoves, ás 16.00 horas, a iniciativa posta en marcha en colaboración co Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo

Actualizada: 24-04-2019 12:30
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE)do campus de Lugo da USC bota a andar este xoves, ás 16.00 horas, no salón de actos do centro, o proxecto ‘Aterra!: o futuro no agro’, unha iniciativa orientada a impulsar o emprendemento agrario entre a mocidade, amén de poñer en contacto a distintas xeracións de produtores agrarios  . O programa ‘Aterra!’, que conta con financiamento da EPSE con cargo ao XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, é unha iniciativa impulsada desde o centro universitario lugués xunto co Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas (Coita) de Lugo e o Grupo de Innovación Docente Ruralia da USC. que conta con financiamento da EPSE.

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, presentará esta nova acción de valorización do campo e da actividade agraria no marco dunha sesión na que tamén intervirán o director da EPS de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta, e o presidente do Coita Lugo, Marcos Vázquez. Unha vez rematada a quenda de intervencións deste acto de benvida, o profesor ad honorem da USC Francisco Sineiro, ofrecerá un relatorio centrado na situación actual e nas perspectivas de futuro do sector agrario galego.

 

O programa da xornada continuará de seguido cunha mesa de debate sobre o traspaso xeracional no sector, na que intervirán como relatores Xosé García, produtor e transformador de leite ecolóxico; Vanesa Carro, produtora de leite; Eva González, produtora e transformadora de froitos do sabugueiro, e Marcos Vázquez produtor de bovino de carne e de mazá de sidra.

 

O obxectivo último deste proxecto pasa por contribuír a que a incorporación á actividade agraria sexa contemplada como unha opción laboral por parte do alumnado do Campus Terra da USC, segundo mantén o Grupo de Innovación Docente Ruralia, que conta co apoio do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas (Coita) de Lugo para trasladar á cidadanía ilusións renovadas e ampla información sobre as posibilidades laborais e profesionais que ofrece o sector agrario.

 

O Coita de Lugo será precisamente o encargado de exercer de mediador nun proxecto, que, entre outros cometidos, pretende servir de ponte para conectar distintas xeracións de gandeiros e agricultores, a fin de facilitar o traspaso de negocios ou incentivar a volta das novas xeracións aos negocios agrarios. Para cumprir este cometido, o Coita de Lugo habilitará un número de teléfono e un enderezo electrónico, a través dos que as persoas interesadas poderán solicitar información ao respecto.

 

Actos do Día da Terra

A presentación do programa ‘Aterra!: O futuro no agro’ encádrase no marco das actividades promovidas pola Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC co gallo do Día da Terra, unha efeméride celebrada o pasado luns 22 de abril e que coincide coa festividade do patrón do centro universitario lugués.

 

O programa de actividades organizado pola dirección do centro e a delegación de estudantes da EPSE co gallo da celebración desta efeméride estenderase durante toda a xornada, desde as 9.30 horas ata pasadas as 20.00 horas. A xornada comezará coa proxección do documental ‘Cambio climático, ¿que futuro nos espera?’, ás 9.30 horas, na FullDome Space instalada no seminario 3 do pavillón III  da EPS de Enxeñaría, onde se ofrecerá un novo pase en quenda de tarde, ás 16.00 horas. Asemade, o edificio da ampliación da EPS de Enxeñaría acollerá a mediodía un mercado de produtos ecolóxicos.

 

Logo da presentación do proxecto ‘Aterra!: O futuro no agro’, a oferta lúdica da xornada continuará na EPSE coa celebración de campionatos de dardos, futbolín, unha sesión de Escape Room no local da Delegación de Estudantes da EPS de Enxeñaría e mesmo cunha sesión de cata e introdución á elaboración de cervexa artesá.

 

A participación nalgunha destas actividades require de inscrición previa. As persoas interesadas poden solicitar máis información ao respecto e apuntarse en calquera das actividades de balde a través do número de teléfono 982 823011, no enderezo electrónico eps.secretaria.direccion@usc.es ou nas listas dispostas nas aulas, na cafetería do centro, e na Delegación de Estudantes da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

 

Os actos conmemorativos do Día da Terra e da Festividade da EPS de Enxeñaría rematarán á noitiña cunha sesión de música ao vivo que comezará  arredor das 20.00 horas, nas inmediacións da cafetería do centro universitario lugués.