Saltar ao contido principal
Xornal

O grupo ACUIBIOMOL organiza o Simposio Internacional en Pectínidos

Participan especialistas de máis de 15 países para compartir os últimos achados sobre estes moluscos bivalvos, entre os que se atopan as vieiras, zamburiñas e voandeiras

Actualizada: 24-04-2019 13:27
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Detalle de larvas de vieira

A vixésima segunda edición do International Pectinid Workshop reunirá en Santiago de Compostela do 24 ao 29 de abril os/as maiores especialistas mundiais en pectínidos, moluscos bivalvos entre os que se atopan as vieiras, zamburiñas e voandeiras. Neste congreso, organizado polo grupo ACUIBIOMOL do Instituto de Acuicultura da USC, participarán especialistas procedentes de máis de 15 países. A inauguración oficial do encontro celebrarase este xoves 25 ás 10.00 horas na Hospedería San Martín Pinario coa presencia do director do Instituto de Acuicultura da USC, Carlos Pereira Dopazo, e representantes da organización.

A conferencia inaugural correrá a cargo da subdirectora xeral de Acuicultura da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, que falará da situación da acuicultura na UE. A continuación a directora de INTECMAR, Covadonga Salgado, falará do programa de monitorización das biotoxinas mariñas en Galicia. Durante cinco días persoal investigador de diferentes países compartirán os últimos avances na acuicultura, actividade pesqueira e xestión de recursos, bioquímica, fisioloxía, xenética, ecoloxía e cambio climático relacionados cos pectínidos. O encontro configúrase a partir de sesións centradas en cada un destes aspectos e nas que se presentarán máis de medio cento de relatorios. Esta e a vixésimo segunda edición dunha xeira iniciada en 1976 en Baltimore (Irlanda).