Saltar ao contido principal
Xornal

Revisan nunha xornada os Convenios de Xenebra na aplicación do Dereito internacional humanitario

Actualizada: 24-04-2019 14:34
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O vindeiro 12 de agosto cumpriranse 70 anos da aprobación dos Convenios de Xenebra, de obrigado cumprimento para os Estados. Estes catro tratados internacionais constituíron no seu día un fito no desenvolvemento do entón chamado Dereito da Guerra xa que, ao recoller a tráxica experiencia da Segunda Guerra Mundial así como os primeiros progresos en materia de dereitos humanos, resultaron decisivos na protección das vítimas dos conflitos armados ata convertérense na espiña dorsal do Dereito internacional humanitario.

Para celebrar esta efeméride, o Grupo de Estudos Internacionales (GRESIN) da USC organiza este venres 26 na sala de xuntas da Facultade de Dereito a xornada matinal ‘Novos desafíos para a aplicación do Dereito internacional humanitario no 70º aniversario dos Convenios de Xenebra de 1949’ . Nela debaterase sobre os retos aos que se enfronta a aplicación do Dereito internacional humanitario nos conflitos armados actuais, en concreto sobre a pertinencia dunhas normas elaboradas hai sete décadas.

“Fronte ao que acontecía en 1949, hoxe as guerras raramente se libran xa entre Estados, nin son os exércitos regulares os que combaten entre si empregado medios convencionais. Moi ao contrario –explica o profesor Julio Jorge Urbina-, a proliferación de conflitos armados non internacionais, o aumento e diversificación de actores armados non estatais que loitan con tácticas de guerra irregular, o debilitamento das estruturas estatais, a privatización da violencia, as graves consecuencias humanitarias así como o ambiente de impunidade no que se cometen estes crimes están á orde do día”.

Para abordar todos estes problemas, a xornada –para a que é preciso inscribirse de maneira gratuíta en ceseg@usc.es- contará con especialistas do mundo académico provenientes de Universidades españolas e con especialistas da Cruz Roja española.