Saltar ao contido principal
Xornal

O CiTIUS da USC alberga unha exposición sobre as mulleres nas TIC

Actualizada: 25-04-2019 13:22
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Con motivo do Día Internacional das Rapazas nas Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC), o CiTIUS abre unha exposición no centro que repasa as contribucións das científicas e tecnólogas destacadas na historia para facer visible o seu legado e promover vocacións tecnolóxicas entre nenas e mulleres novas. A mostra estará aberta ao público de luns a venres de 10 a 15 horas e de 16 a 19 horas, ata o 31 de maio.

Un número cada vez menor de mulleres escolle estudos relacionados coa enxeñaría ou a informática nun mundo progresivamente máis tecnolóxico, o que se traduce en menos participación feminina nestas profesións e nunha  fenda dixital de xénero que exclúe ás mulleres de postos de traballo precisamente mellor pagados. Diante desta situación, e para promover as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e mulleres novas, o CiTIUS organiza esta exposición exposición, que repasa algunhas das achegas realizadas ao longo da historia por distintas mulleres adiantadas ao seu tempo.

As mulleres que compoñen a exposición son Ada Lovelace, primeira programadora da historia; Roberta Williams, creadora da primeira aventura gráfica; Ángela Ruiz Robles, precursora do libro electrónico; Katherine Johnson, calculadora da NASA responsable da traxectoria  do voo do primeiro estadounidense no espazo; Frances E. Allen, primeira muller en gañar o Premio Turing, o Nobel da computadora; Ana María Prieto López, pioneira galega da programación en España, Hedy Lammar, co inventora do sistema do espectro ensanchado, precursora do Wi-Fi; Grace Hopper, pioneira  en linguaxes de programación e creadora do primeiro compilador;  as programadoras do ENIAC, o primeiro ordenador de propósito xeral; e Joan Clarke, excepcional criptoanalista de mensaxes cifradas enviadas por submarinos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial.