Saltar ao contido principal
Xornal

Un San Isidoro a cabalo da historia e das emocións

Humanidades rende homenaxe a Concepción Burgo na festa do patrón, na que se entregaron os Premios Extraordinarios a Jaime Manuel Rodríguez e Efraím Díaz

Actualizada: 25-04-2019 14:18
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Acto académico da festividade de San Isidoro, na Facultade de Humanidades

A Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC celebrou este xoves o acto académico conmemorativo da festa de San Isidoro, patrón das Humanidades, no marco dun acto desenvolvido a cabalo das referencias históricas e das emocións que serviu para render homenaxe á profesora Concepción Burgo López e durante o que tamén se procedeu á entrega de cadanseu recoñecemento da Juan Manuel Rodríguez Díaz e Efraím Díaz Vázquez como Premios Extraordinarios 2017-18 do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural e do máster en Servizos Culturais, respectivamente.

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, presidiu a celebración deste acto académico, o último no que participará a profesora María Isabel González Rey en calidade decana da Facultade de Humanidades, segundo ela mesma adiantou no marco dunha sesión na que tamén participou como relator o deputado provincial Álvaro Santos Ramos, ademais da propia homenaxeada

 

A interpretación das ‘Suites para violoncello’, de Johann Sebastian Bach, a cargo do director de orquestra mexicano Carlos Ariel, quen está a cursar o máster en Servizos Culturais na Facultade de Humanidades, serviu de preludio dunha cerimonia académica na que a profesora e parlamentaria autonómica Burgo López conduciu unha viaxe no tempo coa intervención ‘A miña historia da Facultade de Humanidades’.

 

O relato da que foi a primeira decana da Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC trasladou ao auditorio presente, entre o que estaba un nutrido grupo de docentes e tamén alumnos do centro, aos primeiros anos da democracia para lembrar o tránsito experimentado nesta época pola universidade española e, nomeadamente, polo caso de Galicia. “A Facultade de Humanidades centrou a miña vida durante eses anos, nos que as universidades actuaban como verdadeiro ascensor social”, recoñeceu Burgo López, para logo recordar as modestas orixes da actual Facultade de Humanidades no xa desaparecido Colexio Universitario no que se impartían os tres primeiros cursos das filoloxías xermánica, hispánica e románica, titulacións incompletas en Lugo que cumpría rematar no campus compostelá da USC. As modificacións derivadas da aprobación da normativa de reforma universitaria, a chamada LRU, e as transformacións asociadas no estamento universitario e, en particular, neste centro universitario do campus de Lugo, completaron a súa charla.

 

O acto conmemorativo da festividade de San Isidoro foi tamén o escenario escollido pola Facultade de Humanidades para facer o seu particular recoñecemento a Jaime Manuel Rodríguez Díaz, titulado no grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, e a Efraím Díaz Vázquez, quen tamén acadou o pasado curso o Premio Extraordinario no máster universitario en Servizos Culturais.

                                                          


Outras imaxes


A vicerreitora Montserrat Valcárcel coa profesora homenaxeada, Concepción Burgo López

Juan Manuel Rodríguez Díaz e Efraím Díaz Vázquez recollen os Premios Extraordinarios 2017-18