Saltar ao contido principal
Xornal

A sanidade forestal no contexto global centra este venres un novo ‘Xantar Biocientífico’ de BioReDes no edifico Cactus de Lugo

A profesora e investigadora da UXFS da EPS de Enxeñaría María Josefa Lombardero Díaz falará sobre sanidade vexetal no marco dun relatorio que comezará ás 13.00 horas

Actualizada: 02-05-2019 12:05
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da nova sesión dos Xantares Biocientíficos promovidos por BioReDes

A sanidade vexetal no contexto da globalización centra este venres a temática da segunda sesión dos ‘Xantares Biocientíficos’, unha iniciativa de promoción, divulgación e debate científico, promovida pola agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC BioReDes. A profesora e investigadora do Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPS de Enxeñaría, María Josefa Lombardero Díaz, afondará sobre esta temática nunha intervención aberta a todo o público interesado que se desenvolverá a partir das 13.00 horas, no edificio Cactus do campus de Lugo.  

 

O sector forestal galego xoga un papel fundamental na economía de Galicia e do resto de España xa que nesta comunidade autónoma prodúcese practicamente a metade da madeira do Estado. Pero ademais destes beneficios económicos, os montes galegos prestan tamén servizos ecosistémicos e sociais de gran importancia para moitos sectores da poboación. Con todo, nos últimos anos os propietarios, xestores e investigadores estanse enfrontando a uns desafíos sen precedentes no ámbito da sanidade forestal debido ao rápido incremento de pragas e enfermidades que comprometen o bo funcionamento dos montes e das que non se ten experiencia previa.

 

Moitas destas pragas e enfermidades son introducidas, pero outras eríxense en especies nativas que empezan a comportarse como pragas aínda que antes non o eran. As causas fundamentais deste problema radican en tres piares que deben ser analizados polo miúdo: os cambios que se están a producir no clima, no uso da terra e na distribución global de organismos.