Saltar ao contido principal
Xornal

O ciclo de conferencias ‘Quedamos no oecus’ aborda na Casa do Saber a complexidade do fenómeno urbano en Hispania

O director do Museo de Segovia, Santiago Martínez, abre o martes 7 o programa de relatorios sobre a cidade romana organizado por Dolores Dopico e Manuel Villanueva

Actualizada: 03-05-2019 10:23
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz e programación do ciclo 'Quedamos no oecus'

O ciclo de conferencias ‘Quedamos no oecus’, organizado polos profesores de Historia Antiga da USC Dolores Dopico e Manuel Villanueva, achégase ao estudo da complexidade do fenómeno urbano en Hispania a través de cinco relatorios, que se desenvolverán do 7 ao 23 de maio no auditorio da Casa do Saber de Lugo.

 

O programa, de carácter divulgativo, pero sustentado en sólidos fundamentos científicos, céntrase na península ibérica e pretende amosar a complexidade do fenómeno urbano na Hispania a través de exemplos diversos, como o son Augusta Emerita (Mérida), unha fundación romana que será a capital da provincia lusitana; Carthago Nova, a antiga capital cartaxínesa, ou algunhas das comunidades emprazadas a carón do Douro. Este ciclo de faladoiros complétase coa análise doutros aspectos de vital importancia na época no territorio de referencia, como poden ser a relación entre cidade e relixión, ou o emprego de novas tecnoloxías para a análise de fontes epigráficas.

 

O director do Museo de Segovia, Santiago Martínez Caballero, abrirá este martes 7 de maio a quenda de relatorios deste programa cunha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘ Arquitectura e urbanismo nas cidades romanas da Celtiberia do  Douro’. O programa sobre a cidade romana en Hispania continuará o xoves 9 coa charla ‘Carthago Nova: paleotopografía e urbanística dunha cidade mediterránea’, a cargo do catedrático de Arqueoloxía da Universidad de Murcia Sebastián F. Ramallo Asensio.

 

‘A epigrafía das cidades hispanas na rede: presente e futuro dos recursos dixitais para a súa difusión en internet’ é o título da conferencia que ofrecerá Manuel Ramírez Sánchez, profesor e investigador da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria, o 14 de maio neste ciclo, no marco do que a directora do Museo Nacional Arte romano de Mérida, Trinidad Nogales Basarrate, ofrecerá o 22 de maio o relatorio ‘Augusta Emérita: novidades sobre a capital de Lusitania’.

 

O programa de relatorios ‘Quedamos no oecus’, no que se afonda sobre a forma de vida característica do imperio romano e que tiña como epicentro a cidade, chegará ao seu remate o xoves 23 de maio co relatorio ‘Cidades e relixión no noroeste hispano’, a cargo de Mª Cruz González, catedrática de Historia Antiga da Universidad del País Vasco – EHU. As cinco intervencións programadas no marco deste ciclo comezarán ás 19.30 horas e son de acceso libre e gratuíto para todo o público interesado.