Saltar ao contido principal
Xornal

A EPS de Enxeñaría impulsa unha rede temática de agroforestería cun consorcio internacional no marco do proxecto Euraknos

O grupo da catedrática da USC Rosa Mosquera traballa con 10 países nun programa de mellora do coñecemento agrícola na UE que conta cun financiamento de 2,1 millóns

Actualizada: 03-05-2019 12:43
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Panel de socios participantes no proxecto Euraknos

O grupo de investigación da catedrática do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC Rosa Mosquera impulsa en colaboración con entidades e equipos de dez países da UE a creación dunha rede temática multidisciplinar sobre agricultura e silvicultura no marco do proxecto Euraknos, unha iniciativa enclavada na estratexia H2020 que conta cun financiamento de 2,1 millóns de euros e cuxos traballos que veñen de comezar se prolongarán durante dous anos.

 

O obxecto último do proxecto Euraknos é o de favorecer a innovación e a mellora do coñecemento en materia agrícola, a través da posta en marcha dun sistema de datos que facilite aos agricultores e demais protagonistas activos de prácticas agrícolas e silvícolas unha información acaída e accesible. Euraknos é pois unha rede temática integrada no H2020 que vén de botar a andar coa ambición de crear unha rede de reforzo do coñecemento agrícola da UE mediante a recompilación dos coñecementos existentes e das mellores prácticas de 29 redes temáticas (agricultura intelixente, protección, aves, protección de cultivos, froita…) xa existentes, a fin de achegar esta información en formatos accesibles e comprensibles para os usuarios finais.

 

EURAKNOS pretende vincular todas as redes temáticas de prácticas agrícolas e forestais, tanto as xa establecidas como as futuras, mediante un formato común e un enfoque harmonizado, desenvolvendo directrices técnicas para construír un sistema de datos común. O proxecto recompilará, avaliará, analizará e comparará os coñecementos, materiais e ferramentas producidos polas redes temáticas e os grupos operativos a través dun enfoque de co-creación, coa participación de agricultores, investigadores e outras partes interesadas. Esta orientación tamén beneficiará ás redes futuras e a outros proxectos H2020. Como tal, o material recompilado presentarase nunha linguaxe fácil de entender a través das canles máis fiables utilizados por agricultores, silvicultores e asesores.

 

Esta iniciativa internacional, que agroma 17 entidades e institucións de 10 países da UE, busca responder as necesidades dos agricultores e silvicultores da UE para ampliar as redes temáticas existentes integrándoas nun sistema Europeo de todos os sectores agrícolas, alentando a aprendizaxe entre pares mediante visitas de intercambio. Ao facilitar e apoiar todas as redes temáticas, axudará a asegurar a lonxevidade dos resultados dos proxectos. Ademais, estes proxectos vincularanse mellor con outras redes temáticas e iniciativas similares a nivel da UE e nacional, e poderanse incorporar aos programas nacionais de educación e formación.

 

Socios do consorcio

Os investigadores da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo da USC implicados neste proxecto participan en Euraknos como socios dun consorcio do que tamén forman parte Ghent University (Bélxica) , Instituut voor Landbouw - en Visserijonderzoek (Bélxica), Proefstation voor de Groenteteelt (Bélxica), Leap Forward Group (Bélxica), Institut de l'élevage (Francia), Royal Agricultural University (Reino Unido), Agricultural University of Athens (Gran Bretaña), Gruenlandzentrum (Alemaña), Research Institute of Agricultural Economics (Hungría), Innovation for Agriculture (Reino Unido), International Centre for Research in Organic Food Systems, Aarhus University (Dinamarca), Hungarian Chambre of Agriculture (Hungría), Association de coordination technique agricole (Francia), Agricultural Research Centre (Reino Unido), Int. Federation of Organic Agriculture Movements – European Union Regional Group (Ifoam EU, SE).