Saltar ao contido principal
Xornal

Lombardero ve no movemento de material vexetal unha das causas dos problemas globais da sanidade forestal

A profesora e investigadora da UXFS da EPS de Enxeñaría Fina Lombardero Díaz tratou a sanidade forestal nos ‘Xantares Biocientíficos’ promovidos por BioReDes no Cactus

Actualizada: 03-05-2019 13:44
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Fina Lombardero, na súa intervención nos 'Xantares Biocientíficos', promovidos por BioReDes no edificio Cactus

A profesora e investigadora do Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo, Fina Lombardero Díaz, ofreceu este venres un relatorio sobre a sanidade forestal no contexto da globalización no marco da segunda xornada dos ‘Xantares Biocientíficos’ promovidos pola agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra BioReDes no edificio Cactus de Lugo. Na súa intervención, Lombardero sinalou o uso  pouco responsable dos recursos e o movemento sen control de material vexetal por todo o territorio como axentes ou elementos causantes da aparición e do rápido incremento de pragas e enfermidades que comprometen o bo funcionamento dos montes.

 

A profesora Fina Lombardero salientou na súa intervención a importancia do sector forestal galego e a súa grande incidencia na economía española e, especialmente, en Galicia, dado que nesta comunidade autónoma se produce practicamente a metade da madeira do Estado.

 

Ademais de subliñar os cuantiosos beneficios económicos que reportan os recursos forestais, Lombardero fixo especial fincapé nos múltiples servizos ecosistémicos e sociais que prestan os montes galegos para moitos sectores da poboación. Con todo, precisou esta investigadora, nos últimos anos os propietarios, xestores e investigadores estanse enfrontando a uns desafíos sen precedentes no ámbito da sanidade forestal debido ao rápido incremento de pragas e enfermidades que comprometen o bo funcionamento dos montes e das que non se ten experiencia previa.

 

Moitas destas pragas e enfermidades son introducidas, pero outras eríxense en especies nativas que empezan a comportarse como pragas aínda que antes non o eran, lembrou a relatora, para logo engadir que as causas fundamentais deste problema radican en tres piares que deben ser analizados polo miúdo: os cambios que se están a producir no clima, no uso da terra e na distribución global de organismos, en parte a través do movemento de material vexetal.


Outras imaxes


Público asistente ao relatorio sobre sanidade forestal no contexto da globalización