Saltar ao contido principal
Xornal

A USC edita con motivo do Día Internacional do Neno Hospitalizado o libro O diario de contos de Gabriela

Do libro fíxose unha tiraxe non venal de mil exemplares que serán distribuídos gratuitamente entre cativos/as ingresados na rede hospitalaria pública de Galicia

Actualizada: 13-05-2019 14:11
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De dereita a esquerda: Manuel Martínez, Mar Lorenzo, Juan L. Blanco, Eloína Núñez, Valentín García, Federico Martinón e Elena Sobrino

Coincidindo coa conmemoración este luns 13 do Día Internacional do Neno Hospitalizado, a USC coa colaboración do Hospital Clínico Universitario e a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentaron o libro O diario de contos de Gabriela, un conxunto de oito historias ideadas e escritas polo ex xefe do Servizo de Cirurxía Vascular do CHUS, o doutor, Manuel Martínez Pérez, con ilustracións de varios dos rapaces e rapazas hospitalizados no centro. Esta obra está coordinada polo ex decano da Facultade de Medicina, o doutor José Mª Fraga, e foi deseñada e editada polo Servizo de Publicacións da USC.

Como se recolle no limiar do volume, “os coautores deste diario dan un exemplo, unha vez máis, de fortaleza, superación, esforzo e nobreza. Os nenos enfermos foron e son uns pigmalións para nós. Oxalá nós o sexamos para eles e que estas breves narracións teñan este efecto nas súas horas hospitalarias, na súa convalecencia e nas súas etapas de sa e boa saúde”. Estes contos “ dedícanse a todo o positivo e inexpresable que nos mostran e nos transmiten os nenos enfermos, coautores neste caso coas súas ilustracións cheas de vida e alegría, nacidas do seu innato e nobre espírito de loita e de comprensión da vida”.

O diario de contos de Gabriela foi presentado este luns nun acto que contou coa presenza da vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; a xerenta do CHUS, Eloína Núñez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o xefe do Servizo de Pediatría, Federico Martinón; a directora da Escola de Pedriatía do centro hospitalario, Elena Sobrino; e do director do Servizo de Publicación, Juan Blanco. Durante esta presentación, Manuel Martínez explicou que “non se trata dun libro convencional de contos, con dragóns, príncipes e princesas, senón dun conxunto de historias pegadas á realidade e á vida cotiá dos nenos e nenas”. Do libro fíxose unha tiraxe non venal de mil exemplares que serán distribuídos gratuitamente entre cativos/as ingresados na rede hospitalaria pública de Galicia.