Saltar ao contido principal
Xornal

A USC conmemora este mércores o Día das Letras galegas cun acto literario dedicado a Antonio Fraguas

Actualizada: 14-05-2019 14:41
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor Antonio López Díaz presidirá este mércores 15 de maio o acto académico organizado pola USC con motivo do Día das Letras Galegas 2019 dedicado a Antonio Fraguas. A xornada comezará ás 13.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e contará coa presenza ademais do director do Departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás Escaneo que precederá na quenda de intervencións á profesora María Xesús Nogueira Pereira, como co autora, para presentar o volume conmemorativo da efeméride Antonio Fraguas: a cultura como forma de vida.

O acto proseguirá coa conferencia que pronunciará a profesora María Nieves Herrero Pérez, co autora do mesmo volume. Deseguido o grupo Tralo-Valo, conformado por Ariel Ninas (zanfona) e Carme da Pontragha (voz) e Antón Santamarina (zanfona) interpretarán unha escolla de pezas do Cancioneiro de Cotobade compilado por Antonio Fraguas.

Como se pon de manifesto no volume editado pola USC con motivo do Día das Letras Galegas 2019, nesta edición a efeméride apela “á memoria dun intelectual, investigador e docente vocacional e xeneroso que, malia puntuais incursións nos estudos literarios e mesmo na creación, consagrou a súa vida a disciplinas das ciencias sociais e humanas como a historia, a xeografía, a arqueoloxía e, de maneira destacada, a especialidades situadas no eido da antropoloxía sociocultural, como a etnografía e o folclore”.