Saltar ao contido principal
Xornal

O VII Campus Científico Internacional de Verán XuvenCiencia supera as 300 inscricións, o dobre das prazas ofertadas

O primeiro prazo de matrícula remata ás 24.00 horas do 21 de maio. O campus desenvolverase do 1 ao 5 de xullo na sede universitaria luguesa

Actualizada: 16-05-2019 14:08
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Participantes e organizadores da pasada edición do campus de verán XuvenCiencia

A VII edición do Campus Científico Internacional de Verán Xuvenciencia vén de pechar a mellor preinscrición da súa historia con 305 alumnos/as solicitantes de praza, dos cales só os 150 primeiros/as preinscritos/as poderán participar neste programa divulgativo do Campus Terra da USC, cuxa primeira lista de admitidos/as vén de publicarse na súa páxina web.

 

 A organización de XuvenCiencia mandará un correo electrónico cunha ligazón ao alumnado seleccionado que deberá formalizar a matrícula ata o 21 de maio ás 24.00h. A maior parte do alumnado preinscrito procede da provincia de de A Coruña (121), seguida de Lugo (95), Pontevedra (68) e Ourense (8). O alumnado preuniversitario de fóra de Galicia que vén de inscribirse nesta nova edición do Campus Científico de Verán da USC en Lugo, procede de Alacante, Asturias, Burgos, A Rioxa, León e Zamora.

 

A nova edición deste campus de verán, unha iniciativa orientada a estudantado preuniversitario de 4º de ESO e Bacharelato, presenta un ameno programa de aprendizaxe e convivencia, a través do que se busca dar a coñecer á mocidade preuniversitaria os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas da USC en Lugo, así como nos seus centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría. A presente edición aspira, tal e como xa sucedeu o ano pasado, a impulsar a convivencia. Por este motivo, todas as prazas que se ofertan están dotadas con aloxamento para que todo o alumnado poda aprender a convivir cos seus futuros/as compañeiros/as de carreira baixo a tutela do monitorado titulado da A.D.C. Lumieira Lugo.

 

No marco do programa deste ano, unha das principais novidades é a actividade ‘Aprendendo a construír vídeos contra o ciberbullying’, coordinada por Mari Carmen Caldeiro Pedreira, na que se abordará como o uso indiscriminado dos teléfonos móbiles e da tecnoloxía por parte das novas xeracións deriva ás veces en fenómenos coma o ciberbullying ou acoso virtual.

 

A colaboración do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da USC constitúe outra das novidades desta sétima edición de XuvenCiencia. Baixo a coordinación de Martín Santamarina García, o proxecto ‘Explora o teu ADN: introdución ao mundo da xenómica’ permitirá ao alumnado participante experimentar como traballa un investigador dedicado ao estudo do ADN.

 

Ademais, esta nova edición do Campus Científico de Verán eríxese na máis sustentable de todas as celebradas ata o de agora xa que aspira a reducir de modo substancial os residuos de plásticos grazas á colaboración da Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra BioReDes, a cal agasalla ao alumnado participante con cantimploras para que non teñan que facer uso de botellas de plástico.

 

As distintas actividades incluídas no campus de verán XuvenCiencia Lugo desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 18.00 horas, nas facultades de Ciencias, Humanidades, Administración e Dirección de Empresas, Formación do Profesorado e Veterinaria, así como na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e os dous centros adscritos: Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría. As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos da USC en Lugo e a centros e empresas colaboradoras (Aula de Produtos Lácteos, Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, Museo Provincial, Museo Universitario A Domus do Mitreo, AMSlab, Xenética Fontao, Hospital Universitario Lucus Augusti, Castro de Viladonga, Sotavento, Fundación TIC, LARSA, Norvento, Finsa, CETAL), e a realización de talleres relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do campus centran as actividades programadas polos organizadores do campus en quenda de mañá. Ademais, programouse unha oferta adicional con obradoiros de danza, teatro e creación audiovisual.

 

Polas tardes, os/as alumnos/as inscritos/as no programa, repartidos en grupos pequenos, desenvolverán, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre 26 propostas. O programa ‘Lumieira Acompaña’, guiado por monitorado titulado da A.D.C Lumieira, ofrece, a partir das 18.00 horas, diversas actividades lúdicas en quenda de tarde e noite para todos os estudantes aloxados.