Saltar ao contido principal
Xornal

A USC conmemora o Día das Letras galegas cun acto literario dedicado a Antonio Fraguas

Paralelamente, Xeografía e Historia acolle ata o 3 de xuño unha exposición sobre Antonio Fraguas e a súa relación coa USC

Actualizada: 15-05-2019 14:49
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor Antonio López Díaz presidiu este mércores 15 de maio o acto académico organizado pola USC con motivo do Día das Letras Galegas 2019 dedicado a Antonio Fraguas. A xornada celebrouse no Colexio de Fonseca coa participación do director do Departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás Escaneo que precedeu na quenda de intervencións á profesora María Xesús Nogueira Pereira, como co autora, para presentar o volume conmemorativo da efeméride Antonio Fraguas: a cultura como forma de vida e á conferencia da profesora María Nieves Herrero Pérez, co autora do mesmo volume.

O grupo Tralo-Valo, conformado por Ariel Ninas (zanfona) e Carme da Pontragha (voz) e Antón Santamarina (zanfona) interpretaron unha escolla de pezas do Cancioneiro de Cotobade compilado por Antonio Fraguas. A personaxe destacada nesta edición das Letras Galegas foi alumno e profesor da institución académica compostelá. Fraguas cursou estudos en Filosofía e Letras, realizando a súa tese de doutoramento na Universidade Central de Madrid cunha tese dedicada ao Colexio de Fonseca. Como docente, foino da Facultade de Filosofía e Letras, encargándose das materias de Historia Universal, Historia de España e Xeografía.

Como se pon de manifesto no volume editado pola USC con motivo do Día das Letras Galegas 2019, nesta edición a efeméride apela “á memoria dun intelectual, investigador e docente vocacional e xeneroso que, malia puntuais incursións nos estudos literarios e mesmo na creación, consagrou a súa vida a disciplinas das ciencias sociais e humanas como a historia, a xeografía, a arqueoloxía e, de maneira destacada, a especialidades situadas no eido da antropoloxía sociocultural, como a etnografía e o folclore”.

O libro homenaxe inclúe unha serie de traballos sobre tradición etnográfica, oralidade e literatura popular –campos vizosos da cultura galega- que se funden coa “experiencia vital para ofrecer unha visión completa e novidosa respecto da figura de Fraguas e a súa inxente herdanza”. O seu fío condutor está organizado en dous bloques temáticos, comezando por un conxunto de traballos que ofrecen achegas a momentos e facetas da vida do homenaxeado, “determinantes á vez da súa obra, na que deixan pegadas tan importantes que esta non pode ser cabalmente comprendida sen as referencias biográficas. No segundo bloque da publicación, quedan reunidos distintas achegas á obra antropolóxica de Fraguas dende a perspectiva combinada propia de especialistas en lingua e literatura e en antropoloxía socio-cultural.

Exposición en Xeografía e Historia
Ata o 3 de xuño a Facultade de Xeografía e Historia acolle a exposición ‘Antón Fraguas: por e para Galicia’ organizada pola biblioteca deste centro co gallo da celebración do Día das Letras Galegas. Emprazada no segundo andar (no acceso ao claustro dende a biblioteca) a mostra focalízase na relación de Antonio Fraguas coa Facultade de Filosofía e Letras, con particular atención ao seu paso como alumno e logo como bibliotecario; o seu traballo como profesor auxiliar e a defensa da súa tese, precisamente dedicada aos colexiais de Fonseca.

Tamén é posible consultar o material da exposición a través da web da Biblioteca de Xeografía e Historia.


Outras imaxes