Saltar ao contido principal
Xornal

Un investigador do LaboraTE da USC desmonta o paradigma do ciclo da xestión do desastre tras estudar o Xapón contemporáneo

O estudo publicado polo profesor Urbano Fra en ‘PLoS ONE’ apunta que a normalidade non sucede de inmediato ás catástrofes, polo que demanda políticas e leis proactivas

Actualizada: 21-05-2019 11:46
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Urbano Fra Paleo, nunha imaxe de arquivo. Foto de Xoán A. Soler

Un estudo que vén de publicar o investigador do LaboraTE e profesor da materia de riscos naturais e antrópicos no Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio (MasTerra) da USC Urbano Fra Paleo na revista ‘ PLoS ONE’ desmonta as claves nas que se apoia o paradigma do ciclo da xestión do desastre, unha teoría aínda dominante na xestión do territorio e que mantén que as catástrofes ou desastres van seguidos dunha posterior situación de normalidade nun período determinado.

 

Os desastres non están limitados ao marco temporal dun evento máis ou menos importante, senón que emerxen coa creación da vulnerabilidade e persisten cos impactos duradeiros en territorios, persoas e sectores económicos, xa que non todos os grupos sociais recupéranse ao mesmo ritmo polas diferenzas en capacidade de resposta e resiliencia, argumenta o tamén profesor da Universidade de Extremadura Urbano Fra Paleo, quen sostén que esta realidade tamén sucede cos territorios.

 

Ademais, engade este investigador da USC, os desastres comunmente se solapan ou son seguidos por outros eventos a unha determinada escala xeográfica, dando lugar a unha coalescencia de procesos complexos de redución do risco, resposta ou recuperación, incrementando a complexidade da gobernanza do risco. Así, en lugar de eventos individuais atopámonos cunha paisaxe ou trama temporal (timescape) do desastre.

 

Fra Paleo examina no estudo que vén de publicar en PLoS ONE esta trama temporal no caso Xapón contemporáneo, tras a Segunda Guerra Mundial, así como a evolución da regulación do risco. Os resultados apuntan que, a escala nacional, non se pode identificar un estado de normalidade tras o desastre, xa que os tempos de quiescencia son relativamente curtos e, máis ben, hai unha condición de tensión continua.

 

A investigación salienta asemade que a evolución da regulación do risco de desastres non mostra un patrón de resposta a un desastre inmediato ou a unha continuidade na revisión da lexislación, senón que presenta un patrón moi destacado de equilibrio puntuado, con longos períodos de estancamento seguidos de fases de aceleración na regulación.

 

En contra do que apunta a paradigma do ciclo de xestión do desastre, é dicir un equilibrio estable, ocasionalmente interrompido por un evento, que é restaurado pola intervención humana, o estudo desenvolvido por Fra Paleo mostra evidencias dun equilibrio inestable a escala nacional na paisaxe temporal do desastre de Xapón desde finais da Segunda Guerra Mundial.

 

A realidade advertida no caso de Xapón, un enclave que, pola súa casuística e singularidade, merece a consideración de laboratorio de análise na xestión de desastres e catástrofes, así como no estudo das súas repercusións inmediatas e no futuro a medio e longo prazo, pode ser aplicable a calquera outro lugar do mundo, sinala Fra Paleo, quen defende a necesidade de implementar políticas proactivas encamiñadas á prevención de sinistros en troques da continúa adopción de medidas reactivas, que se limitan a mitigar danos ou procurar solucións logo de que se produce unha catástrofe.