Saltar ao contido principal
Xornal

O Clúster Transfronteirizo Biotecnolóxico prepara a súa estratexia de internacionalización

O Clúster agrupa as universidade de Santiago e do Minho, BIOGA e P-Bio, a Zona Franca de Vigo e o Laboratorio Internacional de Nanotecnoloxía Ibérica de Braga

Actualizada: 22-05-2019 13:51
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O encontro desenvolveuse no edificio Emprendia e contou coa intervención do director da AVTE, José L. Villaverde

O Clúster Transfronteirizo Biotec-nolóxico (CT-Bio) reuniuse no edificio Emprendia da USC para realizar un workshop e unha xuntanza de socios na que trazaron as liñas de futuro do Clúster e a estratexia de internacionalización, entre outros asuntos. No encontro, no que participaron todos os socios (USC, Universidade do Minho, BIOGA, P-Bio, Zona Franca de Vigo e o Laboratorio Internacional de Nanotecnología Ibérica de Braga), planificaron a estratexia de internacionalización, con visitas previstas a feiras como BioEurope ou BioHongKong, ademais de misións inversas a Santiago e a Braga; ademais de definir os mercados de máis interese para abordar no Plan de Promoción conxunto.

Despois desta xuntanza tivo lugar un obradoiro centrado na internacionalización, no que se definiron os mercados prioritarios para o sector: Brasil, Colombia, México, Estados Unidos, países escandinavos e bálticos, Alemaña, Holanda, Reino Unido e Israel.

O proxecto CT-Bio enmárcase dentro do Programa Interreg V-A España-Portugal  (POCTEP) e ten como obxectivo o “crecemento integrador a través dunha cooperación transfronteiriza a favor da competitividade empresarial” na procura do “desenvolvemento e a implementación de novos modelos empresariais para as Pemes, en particular a internacionalización”. Trátase dunha aposta por relanzar un sector en auxe, cun marcado carácter transversal e capacidade de influencia noutros subsectores de importancia para a economía da Eurorrexión, como son o forestal, o marítimo-pesqueiro, o alimentario ou o farmacéutico, entre outros.

Os seus obxectivos son mellorar a competitividade das empresas do sector e favorecer o acceso conxunto a mercados exteriores, xunto coa consolidación do sector biotech e das ciencias da vida na rexión transfronteriza cunha folla de ruta conxunta e baseada na colaboración e cooperación entre axentes e empresas a ambos os dous lados da fronteira.