Saltar ao contido principal
Xornal

Estudantes de ensino medio de Narón, Poio e Santiago gañan o concurso de vídeos ‘O meu elemento’ da Facultade de Ciencias

O certame ideado con CienciaNosa e o SNL da USC polo Ano do Sistema Periódico e dotado con 1.350 euros, recibiu 42 propostas e premiou tres audiovisuais universitarios

Actualizada: 23-05-2019 12:19
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Bermejo Patiño, na súa intervención na Facultade de Ciencias

Estudantes do CPR Santiago Apóstolo de Narón gañaron ao primeiro premio, dotado con 300 euros en metálico, do concurso ‘O meu elemento’, un certame promovido pola Facultade de Ciencias do campus de Lugo, a través da súa comisión de normalización lingüística, o grupo de innovación docente CienciaNosa e o Sistema de Normalización Lingüística da USC, para sumarse á celebración de 2019 como Ano Internacional do  Sistema Periódico, co traballo ‘ O radio e Marie Curie’.

 

Un equipo de alumnos do Ies Pontepedriña de Santiago recibiron o segundo premio, que inclúe unha gratifiCación de 150 euros, deste certame conmemorativo dunha efeméride declarada polas Nacións Unidas co gallo do 150 aniversario da publicación por parte de Dimitri Mendeleev da súa táboa periódica dos elementos químicos, co audiovisual ‘ O radon: malos modais para un gas nobre’. O terceiro dos galardóns concedidos na modalidade deste certame aberta á participación de estudantes preuniversitarios e dotado con 100 euros foi para o vídeo ‘ Curiosidades sobre o cloro’, realizado por un equipo do Ies de Poio.

 

O concurso de vídeos ‘O meu elemento’, convocado como reclamo para atraer o interese do alumnado sobre a celebración do Ano Internacional do Sistema Periódico e a actividade científica en xeral, así como poñer de manifesto a naturalidade da expresión dos contidos científicos en lingua galega, tamén repartiu galardóns entre os participantes que competiron na modalidade dirixida a estudantes universitarios. O primeiro premio nesta categoría, que ten unha dotación económica de 500 euros, recaeu no vídeo ‘ Curiosidades do antimonio’. O traballo ‘ Imaxinaríaste un mundo sen tántalo?’ recibiu o segundo galardón (150 euros) e o vídeo ‘ Oganesson, o derradeiro elemento’ acadou a gratificación económica de 100 euros outorgada á terceira proposta máis valorada.

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, presidiu este mércores a sesión de entrega de premios do concurso de vídeos ‘O meu elemento’, un certame no que mestura a afección polas ciencias e o uso das novas tecnoloxías, dado que as bases do certame obrigaba aos participantes a subir as súas respectivas propostas audiovisuais a unha canle de Youtube. O decano da Facultade de Ciencias da USC, Francisco Fraga, e a presidenta da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia, María Inés García Seijo, tamén participaron nesta sesión.

 

O catedrático emérito da USC Manuel Rafael Bermejo Patiño abriu a cerimonia de entrega de premios do certame ‘O meu elemento’, cun relatorio que se desenvolveu baixo o título ‘A táboa periódica hoxe: para que serve?’.


Outras imaxes


Participantes no acto de entrega de premios do concurso de vídeos 'O meu elemento'