Saltar ao contido principal
Xornal

O grupo de Biotecnoloxía Ambiental participa nunha rede internacional de investigadores pre-doutorais para avaliar o impacto do cambio climático sobre a seguridade alimentaria

Persoal investigador do grupo de Biotecnoloxía Ambiental participa este días en Dublín no inicio de actividades do proxecto

Actualizada: 24-05-2019 09:30
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A xuntanza de lanzamento celebrouse en Dublin con representación das distintas universidades e socios industriais implicados

A profesora Almudena Hospido e o investigador Miguel Mauricio, ambos do grupo de Biotecnoloxía Ambiental, participan este xoves e o venres 24 en Dublín na xuntanza de lanzamento da Innovative Training Network PROTECT, rede de investigadores pre-doutorais que coordina o University College of Dublin para avaliar o impacto do cambio climático sobre a seguridade alimentaria. Esta é unha acción Marie Sklodowska Curie (MSCA) da que forma parte a USC e que busca promover a capacitación dos recursos humanos dedicados á investigación mediante a súa formación especializada e a mobilidade entre países e entre os sectores público e privado.

O cambio climático e a seguridade alimentaria convertéronse en prioridades de investigación interdependentes en todo o mundo. A Unión Europea afronta o reto de duplicar a produción de alimentos ata o 2050 e así poder satisfacer as demandas da poboación. Neste contexto xorde PROTECT (acrónimo de Predictive mOdelling Tools to evaluate the Effects of Climate change on food safeTy) cuxo obxectivo é proporcionar unha formación de alto nivel nas ferramentas de modelado preditivo para avaliar os efectos do cambio climático sobre a seguridade alimentaria dirixida a unha nova xeración de investigadores en fase inicial.

Ao longo de tres anos PROTECT proporcionaralles aos participantes as habilidades transferibles necesarias para unha próspera carreira nunha área que precisa do desenvolvemento tecnolóxico innovador en microbioloxía, estatística, modelado matemático, tecnoloxía dos alimentos e enxeñaría ambiental. Este obxectivo conseguirase mediante unha combinación única de formación práctica sobre investigacións, prácticas non académicas, escolas de verán e talleres sobre habilidades relacionadas coa investigación facilitadas dende os ámbitos académico e industrial do consorcio.

En PROTECT están representadas sete universidades, ademais da USC, o University College od Dublin, as universidades de Malta e Nottingham, KU Leuven, ONIRIS e a Aristotle University of Thessaloniki; seis empresas, Feiraco, CREME, Danone, Nizo Food Research, Nestlé e Arla Foods; e a axendas de Nacións Unidas Food and Agriculture Organization. O consorcio compartirá coñecementos técnicos e formativos para contratar e formar un total de oito persoas, estando unha delas vinculada directamente á USC dentro do programa de doutoramento en Enxeñaría Química e Ambiental así como á dúas institucións máis do consorcio onde realizará estadías de investigación para completar a súa formación, no University College of Dublin en Irlanda e en ARLA Foods en Dinamarca.

PROTECT foi a única rede participada pola USC que resultou financiada na última convocatoria do programa Innovative Training Networks (H2020-MSCA-ITN-2018). Nesta ocasión a convocatoria contou cun orzamento de 442M€, permitindo a financiación de 123 proxectos  nos que participan máis de 1.270 entidades de 51 países diferentes. A USC forma parte actualmente doutra ITN, a rede NABBA, participada pola profesora Mª José Alonso que arrancou en 2015 e que dende entón ten formado a un total de trece investigadores no ámbito da nanobiotecnoloxía.


Outras imaxes


Distribución por países das institucións educativas e representantes industriais participantes no consorcio