Saltar ao contido principal
Xornal

Miguel López recibe un novo premio da Sociedade Europea de Endocrinoloxía

Recoñece a súa traxectoria profesional no campo da endocrinoloxía, como investigador menor de 45 anos que ten contribuído de xeito significativo ao avance do coñecemento neste campo

Actualizada: 24-05-2019 12:50
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe de arquivo de Miguel López

O coordinador do grupo de investigación NeurObesity da USC, Miguel López, acaba de recibir o premio Jens Sandahl Christiansen que concede a Sociedade Europea de Endocrinoloxía na categoría de investigación básica. Entregado no marco do Congreso Europeo de Endocrinoloxía celebrado esta semana en Lyon,  o galardón recoñece a súa traxectoria profesional no campo da endocrinoloxía, como investigador menor de 45 anos que ten contribuído de xeito significativo ao avance do coñecemento neste campo. Deste xeito, o investigador no CiMUS engade outro mérito a unha ampla lista de premios recibidos nos últimos anos, entre os que destacan o European Journal of Endocrinology Prize, que outorga a Sociedade Europea de Endrocrinología; o Premio ao Mellor Novo investigador básico de Europa no campo da obesidade e o EASO Young Investigator Awards for Basic Science, sendo o primeiro investigador español en recibir este último.

Extensa carreira investigadora contra a obesidade
Miguel López, doutor en Bioloxía pola USC, realizou estudos posdoutorais na Universidade de Cambridge. A súa liña de traballo foi merecedora dunha axuda Starting Grant do European Research Council (ERC), a través da que estudou a toxicidade de determinados tipos de lípidos e interferir cos mecanismos moleculares que regulan a inxesta de alimentos, así como co gasto enerxético no hipotálamo.

Nos últimos anos, o traballo do seu grupo permitiu demostrar que as hormonas tiroideas modulan o metabolismo das graxas no hipotálamo. Tamén conseguiron relacionar o consumo de nicotina coa perda de masa corporal (a través da proteína AMPK); tan só uns meses despois, o equipo de López no CiMUS logrou sinalar que unha proteína (BMP8B) xoga un papel fundamental na termoxénese, ou o que é o mesmo, a forma na que a graxa parda queima os lípidos.

Neste mesmo ámbito, o grupo Neurobesity estudou a relación entre a diabetes tipo 2 e a obesidade, descubrindo o mecanismo mediante o cal os estróxenos regulan o peso corporal. Este longo percorrido na comprensión da obesidade permitiu a Miguel López e o seu equipo alcanzar un novo fito, ao descubrir un novo mecanismo molecular que afecta o aumento de peso e á aparición de diabetes a través das ceramidas, unha familia de lípidos que forma parte das membranas celulares e que tamén están implicadas en procesos de sinalización celular.

Máis recentemente, o grupo descubriu un novo mecanismo molecular que proba como o aumento da proteína GRP78 no hipotálamo consegue que ratas obesas adelgacen sen deixar para comer, á vez que melloran o seu status metabólico e reducen a diabetes tipo 2 asociada.

No panorama nacional, outros galardóns obtidos ata a data por Miguel López foron o Premio Extraordinario de Doutoramento da USC en 2003, o Premio de Investigación da Academia Médico-Cirúrxica da Consellaría de Sanidade en 2004 e o Premio de Investigación Básica en Obesidade da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición en 2006, así como o premio na modalidade Joven Talento en Investigación Biomédica da segunda edición dos premios ‘Constantes e Vitales’, que concede 100.000 euros para o desenvolvemento das súas liñas de traballo.