Saltar ao contido principal
Xornal

O grupo de investigación Valle-Inclán da USC edita a colección do escritor galego que comeza a publicar este domingo La Voz de Galicia

Esta iniciativa editorial inclúe 14 obras do autor vilanovés que verán a luz nas vindeiras semanas

Actualizada: 24-05-2019 13:20
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Portada dun dos volumes que integran a colección

O grupo de investigación Valle-Inclán da USC (GIVIUS) coordina a colección de 14 obras sobre Ramón del Valle-Inclán que La Voz de Galicia distribuirá a partir do vindeiro domingo 26. Trátase dunha iniciativa que inclúe a edición de textos de narrativa, teatro e poesía coordinada polo equipo que dirixe a profesora Margarita Santos, e que tamén integran Javier Serrano, Rosario Mascato, Adriana Abalo, Sandra Domínguez e Xaquín Núñez.

Este equipo, que leva máis de 20 anos traballando sobre o xenial autor vilanovés, é o responsable da edición de todos os textos. O obxectivo do seu traballo, que levan desenvolvendo desde xaneiro deste ano, é “conseguir un texto filoloxicamente rigoroso, respectando os usos particulares do autor,  é dicir, sendo fieis á súa propia escritura”, explica a directora da Cátedra Valle-Inclán da USC, Margarita Santos Zas. “Hai moitas edicións das obras de Valle anteriores a 1936, e nós usamos as últimas que el revisou, só traballamos sobre edicións orixinais, sendo moi respectuosos, pero emendando os erros e erratas propias de cada proceso de edición”. Iso si, indica, “mantemos todos os recursos expresivos do autor, aínda que contraveñan normas académicas”.

A selección das obras -entre as que podemos atopar clásicos xa universais como Sonatas, Luces de bohemia, Divinas palabras ou Tirano banderas-  é, segundo Santos Zas, moi representativa, abranguendo textos teatrais, narrativos e poéticos dende o Modernismo ata a obra esperpéntica, permitindo “ver moi ben a evolución literaria do autor”.

Trátase moi probablemente do traballo de divulgación máis ambicioso da obra de Valle-Inclán que se ten dado no ámbito galego: “Para nós é un labor moi reconfortante, porque saímos do ámbito académico para chegar a un público máis amplo”, sinala a profesora da USC. O grupo de investigación contou coa colaboración da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC na Xestión da transferencia dos resultados de investigación xerados polo GIVIUS.

Grupo de Investigación Valle-Inclán
O GIVIUS leva traballando 20 anos arredor da obra dun dos máis salientables autores galegos da historia e é responsable tamén doutras edicións críticas, ademais de exposicións, congresos e outras actividades. A Cátedra Valle-Inclán foi creada posteriormente, en 2002, o que supuxo a posta en marcha da Biblioteca da Cátedra ademais dun Seminario Permanente impartido por especialistas na obra do escritor. Tamén está detrás do Archivo Digital Valle-Inclán, con máis de 3.750 documentos e 70.000 imaxes, e da Biblioteca Digital Valle-Inclán dentro do Portal da Cátedra na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.