Saltar ao contido principal
Xornal

Humanidades impulsa unha rede universitaria para facer visibles cuestións académicas e científicas do ámbito da xestión cultural

A iniciativa interuniversitaria busca darlle un pulo á xestión cultural e crear sinerxías entre o mundo académico e o sector profesional, sinala María Isabel González Rey

Actualizada: 07-06-2019 12:48
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Logo da Rede de Centros Universitarios en Xestión Cultural

A Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC vén de impulsar unha rede de centros universitarios en xestión cultural coa pretensión de dar visibilidade a cuestións académicas e científicas relacionadas cos títulos de grao e máster especializados en xestión cultural, así como ás universidades públicas que se ocupan deste ámbito de estudio.

 

A Rede de Centros Universitarios en Xestión Cultural é unha iniciativa impulsada pola Facultade de Humanidades da USC en colaboración cos centros homólogos das universidades de Huelva, Córdoba e Girona, a través da que se trata de tomar conciencia das ligazóns que compartimos arredor dunha mesma área temática de formación, segundo sinala a catedrática María Isabel González Rey.

 

A tamén decana da Facultade de Humanidades de USC salienta asemade que esta rede interuniversitaria en xestión cultural xerminada ao abeiro do encontro ‘A Xestión Cultural a debate’ , responde á  “necesidade de darlle ao eido da xestión cultural un lugar destacado desde o ámbito universitario co obxectivo de crear sinerxías entre o mundo da formación académica e o sector profesional”.

 

A Rede de Centros Universitarios en Xestión Cultural é pois unha bitácora en liña aberta ao conxunto da universidade española, segundo indicou González Rey, quen explicou que as catro universidades promotoras deste proxecto xa cursaron convites de adhesión a outros centros de formación e investigación da universidade española potencialmente interesados en compartir experiencias a proxectos encamiñados a que a xestión cultural acada a maior relevancia  posible. “A acollida foi excelente”, remarca a decana da Facultade de Humanidades de Lugo, para logo precisar que xa son preto de 20 os títulos universitarios que se sumaron a un proxecto que vén de comezar a súa andadura.

 

Alén de dar conta de aspectos académicos e científicos de relevo no ámbito de referencia, a Rede de Centros Universitarios en Xestión Cultural ambiciona a consolidarse como foro de intercambio de coñecemento e de debate sobre un amplo abano de temas, tales como poden ser a falta de homoxeneidade na denominación dos títulos, o carácter híbrido dos plans de estudo entre especialización e transversalidade, a súa dobre vocación académica e profesionalizante, ou o aspecto pedagóxico das clases por parte un profesorado maioritariamente vencellado co ámbito das Humanidades.

 

A necesidade da creación e consolidación dunha área de coñecemento propia da Xestión Cultural, a visibilidade e difusión entre a sociedade dos títulos en Xestión Cultural, e a posta en marcha de liñas de investigación propias relacionadas coa xestión cultural constitúen, entre moitos outros, algúns dos cometidos que nace a Rede de Centros Universitarios en Xestión Cultural.