Saltar ao contido principal
Xornal

Récord de participación con 426 aspirantes na convocatoria de ESTALMAT-Galicia 2019

A proba de selección desenvólvese este sábado na Facultade de Matemáticas

Actualizada: 07-06-2019 11:09
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Un total de 426 estudantes de toda Galicia nados en 2006 e 2007 participan este sábado 8 nas probas de selección dos 25 estudantes da 13ª promoción do Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas. Con este número de persoas inscritas, o proxecto consolida a súa andaina dende 2007 e sobrepasa a media dos 5 últimos anos.

Os participantes, 175 rapazas e 251 rapaces, proceden na súa maioría das provincias da Coruña (276) e Pontevedra (113), seguidas das de Lugo (18) e Ourense (19), tanto do ensino público (245) como do privado (181), de 136 centros públicos e 54 centros privados ou concertados. Representan a 91 localidades galegas diferentes. Con esta edición son xa case 4.000 as e os estudantes que teñen pasado pola Facultade de Matemáticas nos últimos trece anos para facer a proba de selección.

A proba, consistente na resolución de seis problemas de distinto tipo, celebrarase a partir das 9:45 horas na Facultade de Matemáticas , cunha duración de 2 dúas horas e 30 minutos. Ao remate, ás 12:45 horas, os participantes reuniranse para unha foto de grupo nas escaleiras da Facultade de Matemáticas aberta a todos os medios de comunicación.

Durante a primeira parte da proba, os familiares dos estudantes asistirán a unha sesión informativa que se impartirá na Facultade de Bioloxía sobre o proxecto Estalmat-Galicia. Dita sesión será impartida polo presidente do proxecto, o ex reitor da USC Juan Viaño, e pola decana da Facultade de Matemáticas,  Elena Vázquez Cendón.

A organización da proba, coordinada polo profesor Viaño, conta coa colaboración dos profesores Julio Rodríguez, Angel Rodríguez, Gonzalo Temperán, Enrique de la Torre, Víctor Pollán, Pablo González, e das profesoras Marina Germiñás,  Covadonga Rodríguez-Moldes, Cristina Aneiros, Teresa Otero, Trinidad Pérez, e coa axuda do equipo administrativo do proxecto Ana Paz e Manuel Porto.

 As probas corríxeas de forma anónima un equipo de doce profesores, con dúas correccións independentes para cada problema, mentres que a preselección é feita polo conxunto do comité.

Dous cursos académicos

A lista alfabética dos preseleccionados farase pública na páxina web do proxecto e serán convocados xunto coas familias e/os titores a unha entrevista persoal, pois deberán adquirir o compromiso de acudir ás actividades do Proxecto.

As actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas, en sesións de 3 horas, nas mañás dos sábados dos dous vindeiros cursos académicos (20 sesións cada ano), con posibilidade de continuar un curso mais no Estalmat Pi (12 sesións). 

O equipo docente que atende o alumnado seleccionados está formado por 50 profesores de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas.

Con esta iniciativa, trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas,  resolver problemas e, en definitiva, gozar desta ciencia ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para o seu mellor aproveitamento pola sociedade.

O Proxecto ESTALMAT-Galicia

O Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, forma parte do Proxecto ESTALMAT-España, implantado en varias comunidades autónomas. Conta co aval científico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, da Consellería de Cultura,  Educación e Ordenación Universitaria, do Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC),  e contou ou conta co apoio económico da Fundación Española para la Ciencia y la Ingeniería, das Deputacións da Coruña e Lugo, ademais da infraestrutura e apoio xeral aportados pola Universidade de Santiago de Compostela, dun xeito especial pola Facultade de Matemáticas. O proxecto está conectado tamén coas actividades da Olimpíada Matemática (Fase Galega e Española) e as actividades de divulgación da Asociación Galega de Profesores e Ensinantes de Matemáticas (AGAPEMA).