Saltar ao contido principal
Xornal

A Asociación de Produtores de Mazá e Sidra da Estrada distingue a EPS de Enxeñaría do campus de Lugo co ‘Grolo de Ouro 2019’

Tomás Cuesta recolleu o galardón que se recoñece o traballo da profesora Belén Díaz a prol da recuperación de variedades autóctonas de mazá e da elaboración de sidras

Actualizada: 10-06-2019 11:57
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Tomás Cuesta recibe o galardón no marco da VIII Feira da Sidra da Estrada

A Asociación de Produtores de Mazá e Sidra da Estrada distingue co premio ‘Grolo de Ouro 2019’ á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC polos traballos realizados pola profesora Belén Díaz Hernández a prol da recuperación de variedades autóctonas de mazá e na investigación da elaboración de sidras.

 

O director da EPS de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta, foi o responsable de recoller este galardón, a través do que o colectivo de produtores da provincia de Pontevedra pretende dar visibilidade e resaltar a importancia da produción de mazá no concello de A Estrada, que xa é o municipio con maior produción de Europa, e onde a produción en ecolóxico acadou este ano os dous millóns de quilos.

 

A cerimonia de entrega do ‘Grolo de Ouro de 2019’ desenvolveuse no marco da VIII Feira da Sidra da Estrada, un certame que vén de celebrarse este sábado 8 de xuño e no que se deron cita lagares e produtores de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, León, Portugal, Francia, Alemaña e Inglaterra.

 

O director da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo da USC aproveitou este acto para agradecer o recoñecemento público que se fai á profesora da USC Belén Díaz, un galardón co que a Asociación de Produtores de Mazá e Sidra da Estrada pon en valor as achegas realizadas por estea investigadora a un sector que destaca pola produción primaria en ecolóxico, pola capacidade de xerar valor engadido, pola recuperación e posta en valor de especies autóctonas, e pola  potenciación da nosa gastronomía, da nosa cultura e da nosa economía, sinalou Tomás Cuesta.