Saltar ao contido principal
Xornal

Bioimpresión 3D, unha tecnoloxía emerxente entre biomedicina e enxeñaría, a debate nun curso da USC en xullo en Santiago

O programa, dirixido po Carmen Álvarez Lorenzo e Carlos A. García González desenvolverase do 2 ao 5 de xullo en Farmacia. Matrícula aberta ata o 21 de xuño

Actualizada: 10-06-2019 12:23
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

‘ Bioimpresión 3D, unha tecnoloxía emerxente na fronteira entre a biomedicina e a enxeñaría’ é o título do curso de verán da USC que se desenvolverá do 2 ao 5 de xullo na Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela. O programa, dirixido por Carmen Álvarez Lorenzo e Carlos A. García González, ofrece nesta segunda edición un total de 80 prazas. O prazo de matrícula neste curso da Universidade de Verán da USC 2019 permanecerá aberto ata o 21 de xuño na web da USC.

 

Os obxectivos deste curso, estruturado en 25 horas de formación, pasan por introducir ao alumnado inscrito nunha aproximación interdisciplinar no ámbito da biomedicina e dar a coñecer as tecnoloxías existentes para a impresión 3D. A mostra de casos prácticos actuais de investigación e de uso clínico da bioimpresión 3D, o fomento da formación transversal do alumnado nunha temática científico-tecnolóxica sen cabida actual no programa académico da USC e o establecemento dun foro activo de intercambio de coñecemento, son outros dos cometidos que pretende este programa, cuxos promotores tamén buscan facilitar con este tipo de actividades de formación e divulgación o networking do alumnado co profesorado do curso.

 

A segunda edición do curso ‘ Bioimpresión 3D, unha tecnoloxía emerxente na fronteira entre a biomedicina e a enxeñaría’ está organizada pola USC en colaboración coa Universidad Carlos III, a Academia de Farmacia de Galicia(AFG) e a Agrupación Estratéxica de Materiais (AEMAT). Este programa da Universidade de Verán da USC 2019 conta tamén con financiamento da Deputación Provincial da Coruña.