Saltar ao contido principal
Xornal

O grupo GEMAP presenta os seus últimos achados sobre biodeterioro e biorreceptividade na Fundación Centro Tecnolóxico de Granito de Galicia

Actualizada: 12-06-2019 12:42
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O grupo de Estudos medioambientais aplicados ao patrimonio natural e cultura da USC (GEMAP-USC) celebrará este xoves 13 unha xornada en colaboración coa Fundación Centro Tecnolóxico de Granito de Galicia para difundir resultados das súas investigacións.

O tema a tratar enmárcase na liña de investigación ‘Biodeterioro e biorreceptividade das rocas graníticas’. O GEMAP ten traballados na definición dun índice de biorreceptividade, aquel que apunta a susceptibilidade dun material para ser colonizado por organismos e microorganismos, ao ser un parámetro de grande utilidade para clasificar os granitos en función desta propiedade e, deste xeito, facilitar a selección dunha variedade ou outra segundo o uso que se lle vaia dar.

A xornada ten como finalidade dar a coñecer os resultados deste grupo da USC entre profesionais do sector da pedra natural (graniteiros, comerciais, ...), da construción e restauración (arquitectos, restauradores, ...) e entre os responsables da conservación do patrimonio construído. A xornada terá lugar no Centro Tecnolóxico de Granito de Galicia (Ribeira S/N, Torneiros, 36410, O Porriño) e dará comezo ás 9.45 horas coas intervencións da profesora Benita Silva Hermo e do investigador Daniel Vázquez Nión.