Saltar ao contido principal
Xornal

O investigador Xabier García Martínez, premio de Investigación Matemática Vicent Caselles

Actualizada: 24-06-2019 14:12
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe recente de Xabier García

O investigador do grupo en Matemáticas Xabier García Martínez, graduado pola USC e doutor en 2017, acaba de ser recoñecido cun dos Premios de Investigación Matemática Vicent Caselles. Estes galardóns recoñecen a “creatividade, orixinalidade e o logro” no campo das matemáticas durante os primeiros anos da profesión científica. Estes premios pretende tamén “distinguir a investigadores cuxo traballo de doutoramento sexa pioneiro e influínte na investigación internacional en matemáticas para servir de estímulo a profesionais que desenvolven o seu labor na investigación para favorecer a súa continuación”.

Xabier García Martínez ten realizado achegas relevantes no estudo de diversas estruturas alxebraicas e as súas propiedades categóricas e homolóxicas, especialmente a caracterización da variedade de álxebras de Lie usando unha propiedade puramente categórica. Tamén utilizou técnicas de álxebra computacional na clasificación das variedades homoxéneas conforme-Einstein en dimensión 4.

O xurado dos Premios de Investigación Matemática Vicent Caselles é nomeado pola Fundación BBVA e a Real Sociedad Matemática Española. Nesta edición estivo presidido por José Bonet Solves, editor xeral da Real Sociedad Matemática Española, e catedrático da Universidade Politécnica de Valencia; Joan Elías García, reitor da Universidade de Barcelona; Elena Fernández Aréizaga, da Facultade de Ciencias da Universidade de Cádiz; Eugenio Hernández, catedrático da Universidade Autónoma de Madrid; Henar Herrero Sanz, catedrática da Universidade de Castela A Mancha; e Manuel de León, Profesor do Instituto de Ciencias Matemáticas (CSIC).