Saltar ao contido principal
Xornal

A programación estival do Museo Universitario A Domus do Mitreo continúa este sábado co obradoiro ‘Escavando na Domus’

A actividade, de balde previa reserva no enderezo mitreo.lugo@galipat.es, alternarase todos os sábados de xullo e agosto co obradoiro gastronómico ‘Nos fogóns do Apicus’

Actualizada: 12-07-2019 11:05
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz de 'Os Veráns na Domus'

A programación especial de verán do Museo Universitario A Domus do Mitreo continúa este sábado 13 de xullo, a partir das 11.30 horas, coa celebración do obradoiro didáctico para público familiar ‘Escavando na Domus’, unha actividade gratuíta e aberta á participación de maiores de 5 anos, a través das que as persoas participantes coñecerán de primeira man como é o traballo dos arqueólogos/as.

 

Os obxectivos que perseguen os promotores desta actividade, da que se celebrarán novas sesións os días 27 de xullo, 10, 24 e 31 de agosto, pasan por favorecer o achegamento á investigación científica no campo da arqueoloxía, mediante unha actividade educativa e lúdica no marco da que se desenvolverá unha escavación simulada. A participación neste obradoiro é de balde, previa inscrición no enderezo de correo electrónico mitreo.lugo@galipat.es.

 

Alén desta actividades arredor da arqueoloxía, as programación estival do Museo Universitario da Domus do Mitreo inclúe tamén obradoiros gastronómicos pola antiga Roma. Así, baixo o título ‘Nos fogóns do Apicus’, esta actividade didáctica e orientada ao público familiar a partir de 7 anos de idade, permitirá aos participantes coñecer os praceres da mesa nos banquetes romanos.

 

Os obradoiros ‘Nos fogóns do Apicus’ comezaron o 6 de xullo e terán continuidade os sábados 20 de xullo e 3 e 17 de agosto de 2019. Esta actividade, de acceso libre previa reserva de praza no enderezo electrónico mitreo.lugo@galipat.es, desenvolverase tamén en quenda de mañá, a partir das 11.30 horas. As persoas inscritas terán a oportunidade de viaxar e coñecer a cultura romana a través da gastronomía da época seguindo unha receita romana.

 

‘ Os Veráns na Domus’ ofrecen deste xeito ao público en xeral unha alternativa didáctica e lúdica de gozar das mañás dos sábados de xullo de agosto. As persoas interesadas en acadar máis información respecto destes obradoiros gratuítos poden solicitar máis información a través do enderezo electrónico antes citado. Asemade, estas accións compleméntanse coas visitas guiadas que xa se ofrecen no horario de apertura deste xacemento arqueolóxico de Lugo.