Saltar ao contido principal
Xornal

O Observatorio Astronómico da USC iniciará a vindeira semana o proxecto de divulgación ‘O camiño das estrelas. As estrelas do camiño’

O proxecto comezará o martes cunha sesión de observación da eclipse parcial de Lúa dende o Pico Sacro

Actualizada: 12-07-2019 13:17
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel do evento

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC desenvolverá ata o vindeiro mes de outubro un amplo conxunto de actividades de divulgación astronómica en distintos concellos polos que transcorre a Ruta Xacobea dentro do proxecto ‘O camiño das estrelas. As estrelas do camiño’. O seu propósito é poñer en valor o significado da Vía Láctea e a súa relación co feito Xacobeo, explicando en que condicións marca o camiño cara a Compostela. Ademais, o proxecto adentrará aos participantes  no mundo da astronomía mediante charlas e observacións astronómicas nocturnas tanto a simple vista como con telescopios. Este é unha actividade que forma parte do programa ‘O teu Xacobeo’ financiando pola Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

O programa de actividades comezará o vindeiro martes 16 no Pico Sacro, onde ás 22.00 horas o concello de Boqueixón convoca unha sesión de observación da eclipse parcial de Lúa, que se iniciará coincidindo coa saída do satélite polo leste-surleste. Como explica o director do Observatorio Astronómico, José Ángel Docobo, as 23.30 terá lugar o máximo da eclipse, momento no cal a Terra tapará mais da metade do disco lunar. O fenómeno vaise prolongar ata a 1.00 horas do día 17. Paralelamente ao seguimento da eclipse, poderanse observar a través do telescopio o planeta Xúpiter e unha estrela dobre entre outros obxectos.

As actividades deste programa de divulgación estenderanse ata finais de outubro, e de momento xa están inscritos os concellos de Allariz, Barbadás, Boqueixón, O Grove, Lalín, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Noia, Ordes, Padrón, Portomarín, Rianxo, Ribadeo, Sanxenxo, e Vedra, algún deles con varias sesións. Ao logo do verán e outono, o profesor Docobo estima que se producirán novas incorporacións.