Saltar ao contido principal
Xornal

Un estudo no que participa o grupo Bioaplic da USC alerta de que a produción mundial de incenso caerá á metade en dúas décadas

Peter Groenendijk, co autor do artigo ‘Incienso en perigo’ de ‘Nature Sustainability’, traballou 20 meses no campus de Lugo co proxecto ITN Marie Curie ForSEAdiscovery

Actualizada: 12-07-2019 14:55 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Árbore da que se obtén o incenso

O incenso está en perigo e a súa produción podería reducirse á metade en apenas dúas décadas, segundo se recolle no artigo ‘Frankincense in peril’, que vén de publicar a revista ‘Nature Sustainability’ e do que é coautor o investigador Peter Greoenendijk, quen desenvolveu parte deste estudo durante os 20 meses que traballou no campus de Lugo co grupo Biodiversidade e Botánica Aplicada (Bioaplic) da USC co proxecto ITN Marie Curie ForSEAdiscovery.

 

As conclusións recollidas neste estudo realizado por un grupo de científicos de Holanda e Etiopía están apoiadas en predicións de modelo en desenvolvemento de poboación de Boswellia, as árbores produtoras de resina de incenso no Corno de África. O incenso, empregado en perfumes é un derivado das resinas de árbores que medan nos bosques secos de África e Asia e cuxas poboacións están ameazadas pola acción de gando (camelos) incendios, así como pola presenza de determinados insectos.

 

Os principais focos de produción de incenso son os bosque secos do Corno de África, da Península arábiga e da India. En épocas clásicas, este artigo de alto valor e múltiples usos en cosmética, transportouse en caravanas polos desertos de Arabia e África cara a sociedades ao redor do Mediterráneo. Hoxe en día parte desta materia prima aínda se transporta en camelos ou a través de embarcacións.

 

Os investigadores que asinan o artigo publicado en ‘Nature Sustainability’ alertan de que a actual produción de incenso está baixo ameaza seria e o seu futuro require de accións concretas para evitar a súa desaparición. Neste senso, a publicación de ‘Nature Sustainability’ constata a rápida diminución de poboacións de Boswellia, as árbores que constitúen a principal fonte de produción de incenso, para logo reclamar con urxencia acción e iniciativas de restauración forestais orientadas a mellorar e a protexer os bosques existentes, así como para facer novas plantacións, e para avanzar e facer cumprir as normativas forestais oportunas.

 

Os autores do artigo ‘Incenso en perigo’ analizaron e mediron árbores produtoras de incenso en 23 localizacións de Etiopía, Eritrea e Sudán, nas que constaron, ademais da elevada idade meda das árbores existentes, que van morrendo de xeito paseniño, a escasa rexeneración das mesmas, o que pon en risco o futuro da produción de incenso en todo o mundo.