Saltar ao contido principal
Xornal

O CITT do campus de Lugo da USC xestionou máis de 23 millóns de euros para desenvolver accións I+D+i no trienio 2016-2018

USC, Caixa Rural Galega, Deputación de Lugo e CEL renovan o convenio para o Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía, dotado con preto de 60.000 euros

Actualizada: 29-07-2019 14:09
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Manuel Varela, Antonio López, José Tomé e Jaime López, na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo

Os fondos xestionados a través de contratos e convenios asinados con empresas e institucións públicas polo Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do campus de Lugo da USC no trienio comprendido entre 2016 e 2018 supera os 23 millóns de euros, unha cifra sensiblemente superior aos pouco máis de 14 millóns de euros rexistrados no trienio anterior, segundo se puxo de manifesto na renovación da sinatura dun convenio que manteñen vixente desde 1995 USC, Caixa Rural Galega, Deputación Provincial de Lugo e Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).

 

O reitor da USC, Antonio López, o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé; o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela, e o secretario Xeral da CEL, Jaime López Vázquez, asinaron este venres na Vicerreitoría de Lugo a renovación dun convenio, que, segundo sinalou Varela “contribúe desde hai máis de dúas décadas á modernización de Lugo e de Galicia, a través da captación de recursos para o desenvolvemento de accións de I+D+i e a posterior transferencia de tecnoloxía e coñecemento cara as empresas”.

 

O convenio para o mantemento do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do campus de Lugo permite situar esta sede da USC á vangarda da transferencia de coñecemento e tecnoloxía á súa contorna social máis próxima, fundamentalmente á ligada ao sector primario (agrogandeiro e forestal), que é un dos sinais de identidade do Campus Terra da USC e da súa agrupación estratéxica de investigación BioReDes, sinalou o reitor Antonio López, quen tamén fixo público o seu agradecemento tanto ao persoal técnico que desenvolve o seu cometido no CITT como ás entidades que apoian un convenio para o mantemento deste centro. A dotación orzamentaria deste acordo é de preto de 60.000 euros, dos que Caixa Rural Galega achega 50.000 euros e a Deputación Provincial de Lugo, 9.500. A contribución da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) non implica dotación económica algunha.

 

O presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé, adiantou na súa intervención que a institución que preside continuará no futuro a prestar apoio ao campus de Lugo. “Este convenio, ao que a Deputación contribúe cunha achega económica, é unha mostra máis da decidida aposta polo campus universitario de Lugo, unha estreita colaboración que se vai fai visible a través do chamado plan de choque, dotado con 380.000 euros, ou de infraestruturas estratéxicas como vai ser a futura Granxa Experimental do Campus Terra, que se está a edificar en terreos da finca Gayoso-Castro, en Castro de Rei, e á que a Deputación achega 1,3 millóns de euros”.

 

O secretario Xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez, salientou a colaboración público-privada como chave do éxito do convenio para o mantemento do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) do campus de Lugo da USC. Os resultados deste servicio universitario centrado no eido da I+D+i son proba inequívoca da súa pertinencia. De feito, a captación de fondos para o desenvolvemento de actividades de investigación en 2018, xa a través de proxectos europeos, contratos e convenios co empresas privadas e entidades públicas, e proxectos financiados pola Xunta de Galicia e polo Plan Estatal de I+D+I elevouse a 8.597.665 euros. Esta cifra é sensiblemente superior aos 6.929.947 euros xestionados en 2017 e aos 7.978.078 captados en 2016.

 

Estas magnitudes económicas traducíronse na realización e xestión dun total de 181 actividades de I+D+i, cuxos resultados tamén deron pé á tramitación de dúas novas solicitudes de patentes e unha de propiedade intelectual. A actividade desenvolvida no CITT da USC ten tamén un efecto multiplicador con incidencia nos recursos humanos, segundo se desprenda da incorporación de 12 persoas a través de convocatorias competitivas autonómicas, estatais e internacionais, e de máis doutras 140 persoas en contratos de obra e servizo.


Outras imaxes


Varela, López, Tomé e López Vázquez, trala firma do convenio para o mantemento do CITT do campus de Lugo da USC