Saltar ao contido principal
Xornal

A máis importante asociación internacional de psicoxeriatría celebra o seu congreso anual en España por vez primeira

Trátase da International Psychogeriatric Association e reunirase en Compostela do 31 de agosto ao 3 de setembro

Actualizada: 06-08-2019 12:57
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

En primeiro termo Raimundo Mateos, na presentación realizada en Medicina xunto a Eloína Núñez, Gumersindo Feijoo e Julián Álvarez. Foto: Santi Alvite

A asociación científica e profesional sobre psicoxeriatría máis importante do mundo celebrará a finais de agosto na USC o seu congreso mundial por vez primeira en España. Entre os días 31 de agosto e 3 de setembro, o congreso desenvolverase agrupando a International Psychogeriatric Association (IPA) e a Sociedade Española de Psicoxeriatría (SEPG). A IPA aborda a saúde mental das persoas maiores cun enfoque integral e interdisciplinar, agrupando todas aquelas especialidades médicas implicadas nos coidados deste grupo de poboación.

No congreso abordaranse os temas de maior actualidade no ámbito dos coidados sanitarios, con especial atención á diagnose e tratamento do deterioro cognitivo, demencia, depresión e outros trastornos mentais. O programa, ademais de debater sobre as medidas sociais necesaria para aumentar o benestar das persoas maiores, tamén prestará atención á abordaxe desta tipoloxía de trastornos nos distintos niveis asistenciais: na atención primaria, no nivel especializado e nas residencias. Tamén terán cabida os aspectos éticos, legais e outras cuestións como a sobrecarga do coidador non profesional.

Os detalles do encontro presentáronos este martes 6 en rolda de prensa o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo Costa; a xerenta da Área Sanitaria de Santiago, Eloína Núñez; o decano da Facultade, Julián Álvarez Escudero; e o presidente do comité organizador do congreso, Raimundo Mateos. Como se puxo de manifesto no encontro cos medios de comunicación, é a primeira que o congreso mundial de IPA se celebra en España despois de dezaoito edicións celebradas ata o momento, un terzo delas en diversas cidades europeas. A súa celebración en España vén precedido da organización en Compostela en 2010 do encontro internacional da IPA, eventos de carácter internacional da mesma asociación pero de menor entidade que os congresos.

IPA
O programa do congreso da IPA arrancará o sábado 31 de agosto cun debate arredor da saúde mental en atención primaria para as persoas maiores, ao que seguirá a sexta Conferencia internacional sobre capacidade na que, entre outros cuestións, revisaranse a situación actual respecto da morte voluntaria asistida, o divorcio ou matrimonio ou a dirección financeira, así como sobre a capacidade testamentaria, capacidade profesional ou sobre suicidio, influencia indebida e maltrato de persoas maiores.

Neste primeira xornada tamén se tratarán os novos enfoque clínicos e estratexias de investigación respecto da figura do coidador; a enfermidade de Alzheimer; a medición da conduta desafiante; o uso inapropiado de substancias psicotrópicas no coidado de anciáns a longo prazo; a dor nos adultos maiores con deterioro cognitivo e a demencia de aparición temperán, entre outras cuestións.

Polo que respecta á SEPG, a xuntanza comezará o domingo 1 de setembro falando sobre trastornos duais en poboación xeriátrica, tema do simposio de colaboración entre a SEPG e a Sociedade Española de Patoloxía Dual, e continuará cun segundo simposio coa Societat Catalana de Psiquiatría para tratar o trastorno bipolar no ancián.


Outras imaxes


De esquerda a dereita, Julián Álvarez, Eloína Núñez, Gumersindo Feijoo e Raimundo Mateos. Foto: Santi Alvite